Gonzalo Trenor asiste á xornada de portas abertas do novo Espazo Amizar que abrirá a mediados de xaneiro

Os coruñeses poden participar este sábado e mañá domingo nestas visitas guiadas con acceso libre presentándose na porta principal do edificio

A Coruña, 8 de xaneiro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou nunha das visitas guiadas ao novo Espazo Amizar, que tiveron lugar hoxe sábado e que se prolongarán ata mañá domingo.

As visitas guiadas organízanse en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. O acceso é libre e basta con presentarse na entrada principal uns minutos antes de cada recorrido. Durante a visita estanse a respectar todas as medidas de prevención sanitarias.

Trenor destacou que a partir do luns 10 de xaneiro comezará o traslado do persoal ás novas dependencias e a mediados deste mesmo mes empezaran a abrirse os novos servizos que está previsto que se sitúen neste edificio emblemático da cidade.

O Espazo Amizar é unha obra singular vangardista e moderna desde o punto de vista arquitectónico e acollerá servizos públicos que se prestarán aos coruñeses, tras un investimento de 7 millóns de euros.

Un complexo de máis de 6.300 metros cadrados que, entre mediados e finais xaneiro, comezará a recibir xa uns 280 empregados das consellerías de Emprego e Igualdade e de Política Social.

Ademais, este inmoble tamén reserva un espazo para entidades sen ánimo de lucro, que se repartirá, a través dun concurso público, para que poidan ocupar os 12 locais dispoñibles.

O representante do goberno galego explicou as tres actuacións que se levaron a cabo neste edificio. Por unha banda, a rehabilitación integral do espazo administrativo da Xunta para erguer este novo complexo de servizos, que se reparte entre: o edificio prisma, con planta rectangular de 5 alturas; e o edificio óvalo, de 4 alturas, que estarán conectados por unha zona de paso, e compartirán un salón de actos. En segundo lugar, desenvolveuse a rehabilitación da antiga base medicalizada para convertela na futura sede de Urxencias Sanitarias do 061. E xa por último, leváronse a cabo traballos de urbanización exterior, coa creación dunha praza común, accesos independentes e zona de aparcamento.

 

Imaxes relacionadas