A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou as instalacións desta empresa en Tui

A Xunta apoia un proxecto liderado por Utingal para a reutilización de residuos na industria aeronáutica

Trátase dun dos 11 proxectos apoiados a través do programa Conecta Hubs aos que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destina un total de 6,4M€

A iniciativa conta co apoio estratéxico de Airbus e, xunto con Utingal, participan nela outras catro empresas, o centro tecnolóxico Cetim e a Universidade de Vigo

Tui (Pontevedra), 8 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), vai colaborar con Utingal no desenvolvemento da primeira solución integral de reciclaxe de poliamidas procedentes do sector aeronáutico para o seu aproveitamento en tecnoloxías avanzadas como a impresión 3D. Trátase dun dos 11 proxectos apoiados a través do programa Conecta Hubs aos que a Administración autonómica destina un total de 6,4 millóns de euros.

Esta iniciativa, de nome Replay, conta co apoio estratéxico de Airbus e, xunto con Utingal, participan nela outras catro empresas para dar resposta ás tres grandes áreas deste proxecto: química, mecánica e de automatización e control. Ademais, colaboran o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim) e a Universidade de Vigo, que achegarán as súas capacidades de investigación ao proxecto.

Nunha visita que a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, realizou nos últimos días ás instalacións de Utingal, en Tui (Pontevedra), destacou a “ampla experiencia” desta empresa no ámbito aeronáutico e mecánico; así como o apoio que lle vai prestar a firma Moveratus, para a programación e automatización de procesos de fabricación, e MSS Seidor, no deseño dun software para optimizar o aproveitamento da materia prima. Tamén colaboran Enso Innovation e Ecoplas Barbanza.

Cun orzamento total de case 700.000 euros, que a Xunta apoia con máis de 410.000 euros, Patricia Argerey apuntou que, aínda que esta primeira experiencia se realizará no sector aeronáutico, a vocación deste proxecto é desenvolver o prototipo, levalo ao mercado e empregar o equipamento en calquera ámbito da industria plástica. Ademais, o desenvolvemento dun novo material permitirá novos usos para un subproduto que contribúe a un proceso de economía circular.

O programa Conecta Hubs

O programa Conecta Hubs é unha iniciativa cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020 e orientada a promover accións colaborativas desenvolvidas por agrupacións de empresas nas áreas de especialización dos hubs de innovación dixital estratéxicos para a Comunidade e apoiados polo Goberno galego (Dihgigal e DATAlife).

Estas axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dirixidas especialmente a pemes, mobilizarán un total de 9,8 millóns de euros, ao sumar a estes apoios autonómicos 3,4 millóns de financiamento privado. Ademais, foméntase a xeración e consolidación de emprego de alta cualificación, xa que na súa execución participarán 220 profesionais das TIC e expertos en innovación e dixitalización.

Nos proxectos están implicadas 45 empresas, das cales 39 son pemes e seis grandes compañías cun importante efecto tractor. A metade das firmas que liderarán e executarán os proxectos (22 das 45) pertencen ao sector das TIC. Outros ámbitos implicados nas iniciativas son o da automoción, alimentación, pesca e acuicultura, o gandeiro, o forestal e o téxtil.

Ademais, atendendo á localización xeográfica das empresas que liderarán e executarán os proxectos, 19 das 45 compañías desenvolverán a súa actividade en Pontevedra, a provincia galega máis representada neste programa.

A directora de Gain destacou o “grande interese” que espertou esta convocatoria e o “alto nivel” dos proxectos presentados que, segundo dixo, contribúen a impulsar a “un tecido produtivo máis dixitalizado, innovador e sustentable”, mellorando a competitividade das pemes e consolidando os hubs de innovación dixital de Galicia.

Imaxes relacionadas