A Xunta impulsa nas Vegas unha misión comercial para abrir novas vías de negocio ás empresas galegas

O director do Igape, Fernando Guldrís, encabeza a delegación galega que participa estes días no Consumer Electronic Show, a feira máis importante de electrónica de consumo no mundo

Mantén encontros con representantes de Netun Solutions, Norlean Manufacturing&Productividad, Inprosec Auto, Opare Solutions e Sanvicor Harramientas Industriales

Destaca que as exportacións galegas a Estados Unidos se incrementaron un 50% nos dez primeiros meses do ano, supoñendo xa preto de 500 millóns de euros

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, participa estes días na Consumer Electronic Show de Las Vegas (CES Las Vegas), unha feira na que, baixo o paraugas do Plan Foexga promovido pola Xunta en colaboración coas cámaras de comercio, participan varias empresas galegas na procura de abrir novas posibilidades de negocio.

Así, durante estes días, Guldrís mantén encontros con representantes de Netun Solutions, Norlean Manufacturing&Productividad, Inprosec Auto, Opare Solutions e Sanvicor Harramientas Industriales, no marco dunha misión comercial que busca reforzar os vínculos co país e as posibilidades do sector galego da electrónica.

“O obxectivo é reforzar o intercambio de contactos e potenciar o papel que xa están a xogar as nosas empresas”, expón o director do Igape, que lembra que no marco do Foexga o Goberno galego aspira a impulsar máis de 160 actuacións para promocionar a presenza das pemes galegas en máis de 20 destinos como China, India, Israel, Xapón, Portugal, Marrocos, Brasil, Emiratos, Estados Unidos ou Canadá.

Neste sentido, e como destaca Guldrís, as exportacións galegas a Estados Unidos incrementáronse un 50% nos dez primeiros meses do ano, supoñendo xa preto de 500 millóns de euros, o que fai deste un dos mercados de maior incremento das vendas ao exterior das empresas galegas neste período.

Agora o Foexga busca adaptarse á situación do comercio derivada da pandemia, así como ás medidas de protección. Deste modo, estase a favorecer a participación de empresas en misións comerciais directas, feiras internacionais e eventos promocionais, tanto de modo presencial, como é o caso, como virtual.
Cómpre destacar que o CES de Las Vegas é a feira máis importante de electrónica de consumo no mundo. Profesionais do sector reúnense unha vez ao ano na procura de novas oportunidades. Así, só na edición anterior celebrada no ano 2021, acudiron un total de 83.202 participantes, procedentes de 167 países. O total de expositores na edición 2021 foi de 1.943, dos cales 681 eran startups, 1.420 empresas internacionais e 48 países representantes, xerando máis de 1 millón de contactos.

“CES Las Vegas constitúe unha excelente oportunidade para as empresas galegas de electrónica e emprendedores galegos, tanto para expoñer novos desenvolvementos como para establecer importantes contactos a nivel mundial”, subliña Guldrís, quen lembra que o Plan Foexga se enmarca na nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025 posta en marcha pola Xunta, que ten, como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.

Sobre estes eixes, a Administración autonómica aspira a que se acaden as 8.000 empresas exportadoras e os 25.000 millóns anuais en exportacións en 2025, incrementando especialmente a presenza galega en países de fóra da Unión Europea.

Imaxes relacionadas