O deporte galego comeza 2022 a pleno rendemento convocando as subvencións para clubs e equipamento e asinando os convenios federativos

En total serán 2 millóns de euros para as subvencións a clubs, un 4% máis que en 2021 e 700.000 euros para as subvencións para a adquisición de equipamentos

O 75% dos convenios de colaboración coas federacións deportivas galegas para 2022 xa están asinados
 

Santiago, 5 de xaneiro de 2022

A Secretaría Xeral para o Deporte vén de publicar no Diario Oficial de Galicia dúas convocatorias de subvencións para 2022, concretamente as referidas a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, así como as destinadas á adquisición de equipamentos deportivos. Cómpre salientar ademais que, con só cinco días transcorridos deste 2022, xa están asinados 43 convenios de colaboración coas federacións deportivas galegas, o 75% do total. Neste exercicio, os 58 convenios de colaboración acadan os 4,7 millóns de euros, o importe máis elevado desde 2010, dos que as federacións poderán desfrutar de xeito anticipado.
No tocante á orde de subvencións para clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, terá un importe total de 2 millóns de euros, incrementando nun 4% a contía concedida en 2021 (1,92 millóns de euros). Ademais, estas axudas contarán cunha dobre liña de actuación, por unha banda, a liña destinada ao desenvolvemento de actividades deportivas, contará cun orzamento de 1,94 millóns de euros, mentres que a liña destinada aos núcleos de adestramento deportivo especializado terá un presuposto de 60.000 euros. No caso da primeira liña, a contía de axuda máxima por entidade beneficiaria será de 10.000 euros, mentres que, no caso da segunda será de 30.000 euros.
Os gastos subvencionados corresponderán ao período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de decembro do mesmo ano, debendo terse efectuado e pagado nese período. Serán subvencionables os gastos derivados da participación en competicións de carácter oficial (licenzas, inscricións competicións, arbitraxes, adestradores, transporte e aloxamento a competicións, aluguer instalacións adestramento ou competicións, material non inventariable -balóns, roupa...-, produtos básicos de botiquín). Cómpre salientar que dentro dos criterios a valorar puntuarase o desenvolvemento de actuacións en prol da igualdade efectiva de homes e mulleres no deporte, así como contra a violencia machista. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal no prazo dun mes desde hoxe.

Un novo ano mantendo o importe para equipamentos

No segundo caso, a orde de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos para 2022, manterá o mesmo importe que en 2021, un total de 700.000 euros. Os beneficiarios destas axudas para a adquisición de equipamentos deportivos son os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas. Só resultará susceptible de ser subvencionada a adquisición de equipamento deportivo inventariable (entendendo por tal o ben moble non funxible, é dicir, aquel de que se pode facer uso sen que se consuma polo uso normal para o cal está destinado), para ser destinado á participación en competicións deportivas oficiais ou á realización de adestramentos. Ademais destes equipamentos específicos por modalidades deportivas (32 caregorías) e dos equipamentos non específicos, no caso do material sanitario recóllese por vez primeira equipamento de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da COVID-19 (mamparas, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxeles, sistemas de toma de temperatura, etc.).
A subvención será do 80 % do gasto subvencionable, sendo a porcentaxe restante achega da entidade beneficiaria, ata esgotar o crédito dispoñible atendendo á orde de prelación das persoas beneficiarias. Establécese como gasto mínimo subvencionable unha contía de 1.000 euros, dos cales a entidade beneficiaria deberá achegar 200 euros. Cómpre salientar tamén que se reserva un 30% do orzamento total de cada convocatoria anual de subvención ás federacións deportivas galegas. Como novidade, a cantidade máxima da axuda ascende aos 10.000 euros tanto para clubs como para federacións.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). O prazo de presentación de solicitudes será tamén dun mes.
 

Imaxes relacionadas