Política Social supervisa as obras de mellora da escola infantil autonómica de Vite, nas que investiu preto de 60.000 euros

Os traballos permitiron remodelar o xardín de xogos, que conta cun novo céspede artificial de máxima calidade, así como acometer a reparación de interiores do inmoble e dotalo de novo mobiliario

O centro conta con 84 prazas repartidas en 6 unidades do primeiro ciclo de educación infantil
 

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2022

O director xeral de Familia, infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, supervisou hoxe as obras de mellora que se acometeron na escola infantil de Vite, pertencente á rede pública autonómica. A Consellería de Política Social investiu nestes traballos preto de 60.000 euros.

As actuacións levadas a cabo no centro centráronse na remodelación do xardín de xogos, que conta cun novo céspede artificial de máxima calidade, así como na reparación de interiores do inmoble e a dotación de novo mobiliario. Jacobo Rey sinalou durante a súa visita que as obras de mellora permitiron facer a escola infantil máis cómoda e confortable para os rapaces

Na actualidade a escola infantil de Vite conta con 84 prazas de 0 a 3 anos distribuídas en seis unidades. A partir do curso 2022-23 a atención educativa neste centro será de balde para todos os nenos, xa que o Goberno galego decidiu estender tamén aos primoxénitos a gratuidade da que desde abril de 2020 xa desfrutaban os segundos fillos e sucesivos.

A gratuidade, medida pioneira

Así, o vindeiro curso a Xunta aplicará de xeito pioneiro en España a gratuidade xeral da educación infantil para todo o alumnado e en todas as escolas: as públicas, as de iniciativa social, as privadas e as que son dos Concellos, sempre que estean ao corrente das súas obrigas co Consorcio.

 

Imaxes relacionadas