A Xunta recibe o segundo ano do Xacobeo coa iluminación de máis dun cento de monumentos en 75 localidades de 6 países

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, visitou a iluminación na Casa do Concello de O Porriño no marco da iniciativa #AcendeOXacobeo

Un total de 54 monumentos galegos iluminarán ata este domingo as súas fachadas nas diferentes rutas do Camiño de Santiago, 12 deles nas sete cidades galegas que continuarán acendidos todo o ano nas fins de semana

O Porriño (Pontevedra), 4 de xaneiro de 2022

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde xunto co alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, no acendido da Casa do Concello no marco da iniciativa #AcendeOXacobeo. O municipio uniuse a esta iniciativa e forma parte das 46 localidades galegas que contan con algún dos 54 monumentos iluminados cos logos do Xacobeo e a frecha amarela nas distintas rutas xacobeas para recibir ao segundo ano do Xacobeo, neste caso no Camiño Portugués.
A iniciativa estendeuse a 42 edificios emblemáticos doutras 23 localidades das comunidades de Cantabria, A Rioxa, Castela e León e Navarra, polas que pasa o Camiño de Santiago, así como outros 6 monumentos en 6 cidades doutros 5 países, isto é, Dublín, Reino Unido, Helsinki e Oporto, xunto con Muntinlupa e Batangas en Filipinas. En total, máis dun cento de monumentos iluminados de 75 localidades en 6 países distintos para lembrar que o Xacobeo continúa neste 2022.
O acendido manterase ata este domingo, 9 de xaneiro, pero continuará nas fins de semana durante todo o ano en 12 edificios das cidades galegas, os mesmos que o ano pasado e aos que se une o da Cidade da Xustiza de Vigo.
A proposta #AcendeOXacobeo inclúe a segunda edición do seu concurso de fotografía no que os participantes terán de prazo tamén ata o domingo 9 de xaneiro para publicar nas súas redes sociais os seus selfies con algúns dos monumentos iluminados detrás. Deberán incluír os hashtags #AcendeOXacobeo ou #EnciendeelXacobeo e etiquetar ao Camiño de Santiago nos seus perfís en Facebook (@CaminoXacobeo) e Twitter ou Instagram (@camino_xacobeo). As tres mellores fotografías recibirán como premio estadías para dúas persoas dunha fin de semana nun hotel-balneario de Galicia en réxime de pensión completa.
O vicepresidente primeiro da Xunta confía en que 2022 sexa un ano pleno para a segunda parte deste Xacobeo 21-22, despois de superar xa tódalas expectativas en 2021, pese á covid, con case 180.000 Compostelas. Ademais, nos primeiros días deste ano xa selaron a súa credencial 130 peregrinos, dos que o 40% son doutros países, o que amosa o repunte da peregrinación internacional.
Por iso, invitou aos peregrinos de todo o mundo a camiñar a Galicia para desfrutar dun destino e un Camiño seguros e celebrar este Ano Santo Dobre.

Imaxes relacionadas