A Xunta adxudica a redacción do proxecto para executar unha senda na estrada PO-548 en Catoira

O contrato, adxudicado por un importe de 18.000 euros, conta cun prazo de 5 meses

Executarase unha senda entre os puntos quilométricos 7+470 e 8+920 para favorecer os desprazamentos a pé neste tramo sen espazo para o tránsito peonil seguro

A nova senda dará accesibilidade peonil a servizos necesarios para o día a día dos veciños como os comercios, a escola taller ou as instalacións deportivas

 

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción do proxecto para executar unha senda peonil na estrada PO-548, en Catoira.

O contrato, adxudicado ao consultor Vivero de soluciones para la Ingeniería, por un importe de case 18.000 euros, conta cun prazo de 5 meses.

O obxectivo é acometer unha senda peonil entre os puntos quilométricos 7+470 e 8+920 na PO-548 en Catoira.

Trátase de reforzar a seguridade e favorecer os desprazamentos a pé neste tramo que actualmente non conta cun espazo para o tránsito peonil seguro, a pesar de ser unha vía que atravesa zonas poboadas e de dar acceso á capitalidade do concello.

A nova senda dará accesibilidade peonil a servizos necesarios para o día a día dos veciños como os comercios, a escola taller ou as instalacións deportivas.

A senda desenvolverase por unha marxe da estrada, a decidir en función da análise que se realice no marco do proxecto.

O Goberno galego continúa dotando as estradas autonómicas de itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe para facilitar a mobilidade dos cidadáns.