O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe os participantes nesta iniciativa na residencia de tempo libre de Panxón

A Xunta de Galicia aposta por un programa de lecer seguro e activo para os maiores a través de Xuntos polo Nadal

Os asistentes realizaron unha proba PCR antes da súa entrada ao centro e establecéronse dúas quendas para evitar aglomeracións

Preto dun cento de persoas están a participar nesta segunda quenda, que rematará o venres, nas instalacións do Carballiño e Nigrán

Este ano o programa, que inclúe estadía con manutención completa e ducias de actividades, pasou a ser 100% gratuíto para todas as persoas maiores

Nigrán (Pontevedra), 3 de xaneiro de 2022

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, salientou hoxe a aposta da Xunta de Galicia por un programa de lecer seguro e activo a través da iniciativa Xuntos polo Nadal, que este ano se volve levar a cabo nas residencias de tempo libre do Carballiño e Panxón. Ata esta última, situada no concello de Nigrán, achegouse esta mañá para visitar os participantes desta segunda quenda.

Fernando González Abeijón lembrou que a Consellería de Política Social retomou este programa logo de ter que suspendelo o ano pasado por mor da pandemia. A vacinación permitiu recuperar este ano unha iniciativa que busca ofrecer unha alternativa de ocio para as persoas maiores que non teñen con quen pasar estas datas. Para garantir a seguridade de todos os participantes, que debían contar coa pauta completa de vacinación, realizáronse PCRs previa á súa entrada na residencia e establecéronse dúas quendas de participación para evitar aglomeracións.

Completamente gratuíto

Nesta segunda quenda, que se está a celebrar estes días, participarán preto dun cento de persoas, que pasarán desde o 31 de decembro ata o 7 de xaneiro nunha das dúas instalacións autonómicas habilitadas. Todas elas están a desfrutar, ademais, por primeira vez deste programa de xeito 100% gratuíto. Así, as persoas maiores non terán que pagar nin pola estadía en pensión completa nin pola realización das actividades planificadas.

Imaxes relacionadas