O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron esta mañá o inmoble

A Xunta interésase polo estado do edificio de Navia que sufriu este domingo un incendio no garaxe e ponse á disposición dos seus veciños

O bloque está integrado na súa totalidade por vivendas protexidas que foron promovidas no seu día pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

O IGVS pon á disposición dos veciños que se viron afectados polo lume varias prazas de aparcamento da Xunta dispoñibles tanto no mesmo edificio como no contiguo

Vigo, 3 de xaneiro de 2022

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron esta mañá o inmoble de Navia que o pasado domingo sufriu un incendio nunha das súas plantas destinadas a garaxe co fin de coñecer o estado xeral do edificio e poñerse á disposición da comunidade de propietarios para axudalos e colaborar en todo aquilo que necesiten con relación ao sinistro.

O conxunto do bloque, no que residen unhas 200 persoas, está formado por vivendas protexidas de promoción pública en réxime de alugueiro e de compra venda, que foron entregadas pola Xunta aos seus adxudicatarios no ano 2010.

O lume orixinouse nunha das plantas do edificio destinadas a garaxe —concretamente, no cuarto soto— e afectou a varios vehículos que estaban estacionados na mesma, sen que ningunha das vivendas resultase danada.

Por este motivo, o IGVS puxo á disposición daqueles veciños cuxas prazas se viron afectadas polo lume ou que teñan dificultades para aparcar na planta do sinistro, varias prazas de estacionamento que ten a Xunta dispoñibles tanto no propio edificio como no bloque contiguo a fin de que poidan utilizalas de forma temporal.

Así mesmo, Heriberto García e Marta Fernández-Tapias lembraron que as autoridades están a investigar as posibles causas que provocaron o incendio. Neste sentido, ambos coincidiron en salientar que, tras o incidente, as alarmas, o sistema de extracción e a evacuación do edificio “funcionaron perfectamente”, polo que só houbo que lamentar danos materiais no cuarto soto do bloque de vivendas.

Imaxes relacionadas