A directora xeral de Patrimonio Natural e o presidente da asociación deportiva ratificaron esta mañá este compromiso

A Xunta formaliza a cesión da antiga caseta de Legoeiros, en Ribadeo, para uso da Sociedade de Caza de Remourelle

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cede durante 30 anos o uso do inmoble, localizado na parroquia de Arante, á entidade de caza lucense, integrada por 140 membros que exercen a súa actividade nos concellos de Ribadeo e Barreiros

A sociedade comprométese a conservar e manter o mesmo para uso exclusivo e gratuíto dos seus cazadores

Ribadeo (Lugo), 3 de xaneiro de 2022

A Xunta e a sociedade deportiva Coto de Caza de Remourelle acordaron esta mañá colaborar na conservación, protección e defensa do medio ambiente. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o presidente da asociación, José Antonio González, asinaron hoxe a acta de entrega e recepción do inmoble da antiga caseta de legoeiros localizada no lugar de Remourelle, parroquia da Arante, no concello de Ribadeo, en réxime de cesión de uso á devandita sociedade.

Este inmoble, que en décadas pasadas era empregado polas persoas encargadas do coidado e mantemento das estradas e camiños públicos, está situado na marxe da estrada LU-113. Hoxe atópase en desuso, polo que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda —tras recibir a solicitude por parte da entidade— considerou positivo artellar esta colaboración, que se pecha coa cesión da edificación por un período de 30 anos.

Do Campo indicou que este legado permitirá asegurar a conservación e mantemento, e evitar o seu deterioro por falta de uso; e sobre todo será un punto de encontro desde o que traballar a prol da conservación e do mantemento do equilibrio natural.

Nese sentido, a sociedade de caza comprométese a asumir a execución de actuacións de acondicionamento necesarias para convertelo no local social da sociedade deportiva.

A directora xeral recordou que este inmoble será de uso exclusivo para o fomento e a práctica deportiva da caza e actividades relacionadas coa mesma, e gratuíto para os 140 socios que desenvolven a súa actividade nos concellos de Ribadeo e Barreiros.

Pola súa parte, José Antonio González agradeceu á Xunta a súa receptividade e colaboración ante a proposta realizada pola sociedade que preside xa que grazas a esta cesión poderá dispoñer dun novo lugar de encontro e reunión para os seus membros.

Imaxes relacionadas