A Xunta inviste máis de 67.000 euros na reforma da praza do centro sociocomunitario Isabel Zendal

Estes incentivos están pensados para os municipios de menos de 20.000 habitantes, para colaborar nos seus proxectos de humanización e frear o despoboamento, mellorando a calidade de vida dos veciños

Ordes (A Coruña), 3 de xaneiro de 2022

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, supervisou esta mañá as obras que se están executando na praza do centro sociocomunitario Isabel Zendal que contan cun apoio da Xunta de máis de 67.000 euros a través da orde de axudas da Consellería de Medio Ambiente , Territorio e Vivenda para crear ou mellorar infraestruturas municipais. As obras estarán rematadas nunhas semanas.
Trenor lembrou que na provincia da Coruña a Xunta está investindo ao abeiro desta orde 521.000 euros. Estas axudas están destinadas a municipios cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.

O proxecto céntrase na urbanización e humanización da contorna desta edificación situada no Campo da Feira, e máis concretamente a carón da entrada ao paseo fluvial Ramiro Recouso. Unha das principais premisas deste proxecto é, precisamente, a integración con este contorno natural para o uso da veciñanza.

As obras consisten na contención de terras cara á beirarrúa e na explanación da área. Procedeuse á apertura de foxos, e posterior recheo, para a cimentación dos muretes das bancadas e xardineiras. Tamén se están a construir soleiras de formigón armado para as bancadas que conformarán a bancada que contará cunha pavimentación de formigón impreso. Unha vez executada esta parte procederase co axardinamento da zona superior, das escavas e da zona exterior cara ao río Mercurín. Plantaranse arbustos e árbores para evitar o impacto visual do muro de peche da parcela lindeira e do equipo de climatización do edificio. O sistema de rego será automático mediante aspersores emerxentes programables. A zona estará iluminada mediante un báculo e farois de baixo consumo.

Proxectos provincia A Coruña

Trenor lembrou que por comarcas na área de Santiago se están a apoiar catros proxectos en Ordes, Trazo, Teo e Santiso cun investimento total de 250.000 euros; na comarca do Barbanza reciben estas axudas os municipios de Porto do Son e Muros cun importe total de máis de 135.000 euros; na área de Bergantiños-Costa da Morte a Xunta financia unha actuación de máis de 67.000 euros no concello de Dumbría; e na comarca de Ferrolterra reciben estas axudas o municipio de Ares cun importe de máis de 67.000 euros.

Esta liña de subvencións, impulsada polo Goberno galego ten por finalidade humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando para elo as infraestruturas e servizos e mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.

Cómpre recordar que -tal e como se recollía na orde da convocatoria-, as axudas concedidas equivalerían ao 70% do custo total da actuación subvencionable e a contía máxima a percibir por cada concello, en todo caso, será de 67.760,00 euros (IVE engadido).

As actuacións cumpren coas recomendacións establecidas na Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, en liña co Plan estratéxico da paisaxe galega que guiará a acción neste eido nos vindeiros catro anos.

Aposta pola colaboración cos concellos

Cómpre subliñar que esta orde de subvencións, convocada no mes de marzo do ano pasado, enmárcase na aposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por colaborar economicamente cos concellos para facilitarlles a execución de proxectos en materia urbanística.

Por esta razón, o departamento autonómico manterá esta liña de apoio ás entidades locais tamén en 2022, reservando nos seus orzamentos 7 millóns de euros para financiar actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.
 

Imaxes relacionadas