A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de aprobar a proposta de melloras remitida a semana pasada aos concellos da comarca de Ferrolterra

A Xunta avanza o inicio o 10 de xaneiro do reforzo das conexións de autobús entre a Coruña e Ferrol, activando 55 servizos directos máis á semana

A reestruturación potencia os servizos directos entre as cidades da Coruña e de Ferrol e optimiza os traxectos intermedios, garantindo a accesibilidade dos corredores A Coruña-Betanzos e Ferrol-Pontedeume

Aumentarán 11 expedicións por autoestrada cada día de luns a venres, un incremento de máis do 35%, nas franxas horarias de primeira hora da mañá e da tarde

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2022

A Xunta avanza o inicio o vindeiro 10 de xaneiro do reforzo das conexións de autobús entre A Coruña e Ferrol, activando 55 servizos directos máis á semana.

A Dirección Xeral de Mobilidade vén de aprobar a proposta de melloras trasladada a semana pasada aos concellos de Ferrolterra, cos que o Goberno galego vén mantendo xuntanzas nos últimos meses, nas que tamén participou a UTE titular da concesión.

A oferta potencia os servizos directos entre as cidades, con 55 expedicións por autoestrada máis cada semana, 11 ao día de luns a venres, o que supón un incremento superior ao 35% destes servizos.

As solucións consisten na atención da demanda específica das franxas horarias da primeira hora da mañá e da primeira hora da tarde, condicionadas polos desprazamentos por motivos de traballo e estudos entre as dúas cidades.

De modo máis concreto, dos 11 servizos por autoestrada que se engadirán cada día, 8 funcionarán nas horas punta. O incremento da oferta permitirá aos usuarios dispoñer de autobuses directos con horas de saída que chegan a estar separadas por só 30 minutos.

Os axustes nas rutas de entrada e saída da Coruña permiten mellorar a atención de puntos de atracción de demanda significativos, como o CHUAC e os campus universitarios na Coruña. O hospital gaña 6 novas expedicións directas ao día, mentres os campus terán un servizo que minimiza o impacto do desvío para o resto de usuarios.

Ademais das conexións entre as cidades da Coruña e de Ferrol, a proposta de reestruturación optimiza os servizos dos traxectos intermedios, asegurando a accesibilidade dos corredores A Coruña-Betanzos e Ferrol-Pontedeume.

No marco deste reforzo, nas horas punta substitúense expedicións por estrada entre as dúas cidades por servizos por autoestrada entre A Coruña e Betanzos, mentres outros se transforman en semi-directos, realizando o treito entre Betanzos e Ferrol por estrada.

Estas melloras responden á necesidade de adecuar os servizos ao incremento da demanda na conexión entre Ferrol e A Coruña que se produciu desde mediados de setembro.

A Xunta incorporou na proposta as suxestións dos municipios, que se limitaron tan só ao seu ámbito territorial máis próximo, pero tamén considerou os datos de máis de 1.600 enquisas aos usuarios.

Cómpre lembrar que a Xunta xa activara reforzos na capacidade dos servizos das horas punta nos últimos meses como medida provisional para garantir a atención aos usuarios.