A Xunta implantará novos servizos de autobús ao centro penal do Pereiro de Aguiar con parada nas inmediacións e adaptados aos horarios das visitas

Das 28 frecuencias coas que contará a nova oferta ao penal ourensán á semana, 13 servizos son novos, e outros 15 axustan o seu horario

De luns a venres, a conexión entre Ourense e o centro contará con 2 servizos de ida e 2 de volta polas tardes

Nas fins de semana haberá un servizo de ida e outro de volta axustados ás catro quendas dos locutorios da mañá, xunto con outra ida e outra volta pola tarde

Os reforzos xa se abordaron cos responsables do centro penal co obxectivo de poder implantar os novos servizos en vindeiras semanas
 

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2022

A Xunta implantará novos servizos de autobús ao centro penal do Pereiro de Aguiar, en Ourense, con parada nas inmediacións e adaptados aos horarios das visitas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, elaborou un estudo pioneiro en España co obxectivo dotar os cinco centros penais de Galicia -o penal de Teixeiro, o de Bonxe, o de Monterroso, o do Pereiro de Aguiar e o da Lama- de mellores servizos de autobús, incorporando máis frecuencias e horarios axustados ás quendas de visitas destes centros.

Para atender a mobilidade das visitas ao centro penal do Pereiro de Aguiar, xunto cos desprazamentos dos internos de 3º grao que acoden a Ourense por motivos de formación ou traballo, o centro contará con 4 servizos ao día de luns a domingo, dúas idas e dúas voltas, na liña actual Ourense E.I.-Esgos.

A liña incorpora unha nova parada nas inmediacións do centro mediante un desvío de 1,6 quilómetros do seu percorrido actual, que non incrementa excesivamente a duración da viaxe e mellora a funcionalidade da liña para os usuarios que se desprazan ao cárcere ourensán.

Das 28 frecuencias coas que contará a nova oferta ao penal á semana, 13 servizos son novos, mentres os outros 15 axustan o seu horario ás horas de visita aos reclusos e pasan a prestarse tamén os festivos.

De luns a venres, a conexión de Ourense co centro penal contará con expedicións pola tarde, con chegada ao cárcere aproximadamente ás 15,30 e ás 20,30 horas e regreso cara á cidade ás 16,15 e ás 18,45 horas.

Nas fins de semana, os servizos permitirán tamén as visitas de mañá. Con este obxectivo, o primeiro autobús chegará ao centro aproximadamente ás 09,00 horas e regresará ás 13,15 horas, despois das catro quendas de locutorios. Pola tarde, a ida chegará ás 15,30 horas e o servizo de regreso a Ourense sairá ás 18,45 horas.

A Xunta contou neste proceso coa participación dos responsables do cárcere ourensán, para recoller as súas peticións particulares e incorporalas ao plan de mellora.

Deste xeito, a nova oferta atende as principais demandas de mobilidade entre o centro penal e a cidade de Ourense, tanto para os desprazamentos das visitas coma para o dos internos de 3º grao que acoden á cidade por motivos laborais ou de formación.

O estudo que deu orixe aos novos servizos aos centros penais forma parte das actuacións de seguimento e mellora continua do Plan de Transporte Público de Galicia.

A Xunta xa abordou estes novos servizos de autobús cos responsables do centro e o obxectivo é implantalos xa en vindeiras semanas.

A iniciativa englóbase na mellora continua dos servizos de autobús que vén realizando o Goberno galego e sitúa a comunidade como a primeira en dispor dun proxecto específico para atender as necesidades de mobilidade dos usuarios que se desprazan aos centros penais para visitar aos internos.