A Xunta recibe 10 ofertas para a mellora da seguridade viaria e da accesibilidade na estrada PO-330 en Valadares e Pereiró, no concello de Vigo, licitada por 1,4 M€

Intervirase de xeito integral en 7 km da estrada Vigo-Vincios, nunha zona moi urbanizada e concorrida, reforzando a seguridade e mellorando a mobilidade, rodada e a pé

A consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé comezar as obras na vindeira primavera, cun prazo de execución de 10 meses

A intervención suporá un investimento global de 1,8 M€, tendo en conta o pagamento dos terreos necesarios para a súa execución

Actuarase nun treito de concentración de accidentes en Valadares, mediante a creación dun carril central de espera no acceso ao colexio Andersen e co reforzo da sinalización dos pasos de peóns
 

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2022

A Xunta recibiu 10 ofertas de empresas interesadas en executar as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade na estrada PO-330 en Valadares e en Pereiró, no concello de Vigo, licitadas por 1,4 M€.

O obxectivo da Xunta é comezar os traballos na vindeira primavera, cun prazo de execución de 10 meses. A intervención suporá un investimento global da Xunta de 1,8 M€, tendo en conta o pagamento dos terreos necesarios para a execución da actuación.

Trátase dunha intervención integral en 7 km da estrada Vigo-Vincios, nunha zona moi urbanizada e concorrida, que ten como obxectivo o reforzo da seguridade viaria e a mellora da mobilidade, tanto rodada como a pé.

O obxecto da actuación proxectada polo departamento de Infraestruturas da Xunta inclúe a eliminación dun treito identificado como de concentración de accidentes, situado en Valadares, mediante a creación dun carril central de espera que resolva de xeito seguro o acceso ao colexio Andersen, ademais do reforzo da sinalización dos pasos de peóns.

Tamén en Valadares a Xunta executará dúas novas glorietas de 28 metros de diámetro, unha delas para mellorar o acceso á piscina municipal e ao pavillón desde a que, atendendo a unha solicitude dos veciños, se habilitará un novo viario de dobre sentido cara á escola infantil Monte do Alba. A segunda rotonda construirase no Alto da Garrida, na intersección coa estrada A Garrida-Valadares, que mellorará a seguridade viaria dun cruce que rexistra un elevado tráfico pesado, xa que dá servizo aos polígonos empresariais de Valadares e da Pasaxe, ademais de a unha canteira e ao miradoiro de Monte de Alba, e atópase próximo á AG-57.

No caso das obras proxectadas en Pereiró, os traballos prevén a urbanización do treito dos 450 primeiros metros da estrada, ata glorieta que está fronte ao cemiterio e que serve de enlace coa vía da universidade, con especial atención ao espazo de aparcadoiro. Aquí disporanse 36 prazas de estacionamento, 10 máis das que hai na actualidade, e reservaranse 2 para persoas con mobilidade reducida.

Xunto con isto, mellorarase a intersección coa rúa Canteiros mediante a instalación de illotes e con sinalización horizontal e disporase de adoquín nos accesos aos garaxes. Ademais, reforzarase a seguridade doutras tres interseccións (en Carneiras, Carregal e no Portal) mediante sinalización horizontal, como balizas reflectoras, bandas sonoras ou illotes.

Nesta obra farase tamén especial fincapé na mellora da seguridade viaria dos centros educativos, como a que se prevé no colexio Barreiro, achegando o paso de peóns á entrada do centro e implantando outras medidas de calmado de tráfico, como bandas transversais de alerta para atenuar a velocidade.

Mellorarase, tamén, o acceso ao CEIP Igrexa Valadares, co acondicionamento do camiño e intervindo nos radios de xiro da entrada e saída que empregan os autobuses para incorporase á estada PO-330, atendendo así outra solicitude veciñal.

Estas actuacións de mellora integral complementaranse coa reparación de beirarrúas nos treitos nos que sexa preciso e coa mellora da sinalización e da iluminación dos pasos de peóns.

A Xunta mantén con esta nova actuación o compromiso coa mellora da rede viaria na cidade de Vigo, con actuación de humanización xa realizadas das avenidas de Castrelo e da Florida, as novas sendas ou a mellora da seguridade da estrada vella de Baiona, PO-552. Estas intervencións terán continuidade con novas obras na PO-323 en Teis, onde se prevé a mellora da avenida de Galicia, ou con outras actuacións de impulso da mobilidade sostible, como a prevista na avenida de Beiramar, para humanizar a fronte portuaria da cidade en colaboración coa Autoridade Portuaria.