A Xunta abre o prazo da campaña de dinamización da lectura nas bibliotecas 'Ler conta moito 2022', que no último ano impulsou máis de 700 actividades

O DOG publica a convocatoria á que se poderán presentar profesionais dedicados profesionalmente á dinamización cultural

Como novidade, poderanse incorporar ata tres actividades por empresa e, neste caso, polo menos unha delas deberá estar especificamente orientada a promover a igualdade ou a loita contra a violencia de xénero

Durante este ano, celebráronse iniciativas como obradoiros, contacontos, exposicións, charlas ou propostas audiovisuais, entre outras
 

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo de inscrición ao catálogo Ler conta moito 2022, a iniciativa coa que as empresas e profesionais galegos poden propoñer diferentes actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas galegas. Trátase dunha proposta que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación e Universidade desde hai anos en colaboración coas entidades locais coa que se impulsou no último ano un total de 722 actividades de dinamización, entre contacontos, obradoiros, exposicións, charlas, ou propostas audiovisuais e roteiros, entre outras.

Como recolle o Diario Oficial de Galicia, á convocatoria deste ano poden concorrer persoas físicas ou xurídicas dedicadas profesionalmente á dinamización cultural. Todos eles incorporarán actividades que se porán a disposición das bibliotecas públicas para que poidan seleccionalas para a súa programación durante o ano 2022.

Como novidade, este ano elimínase a limitación do orzamento máximo por actividade e poderanse incorporar ata tres actividades por empresa. No caso de que se desexe incluír tres actividades no catálogo, polo menos unha delas terá que estar orientada especificamente a promover a igualdade entre homes e mulleres e/ou a loita contra a violencia de xénero.

Prazo ata o 31 de xaneiro

As propostas estarán dirixidas a potenciar a imaxe das bibliotecas e fomentar o acceso igualitario á cultura. Valorarase que promovan a lectura, a escritura ou a creación artística; difundan a cultura e a lingua galega; divulguen o coñecemento; se centren no pensamento crítico, a innovación e a creatividade; e favorezan a construción social participativa, igualitaria e inclusiva.

Poderán incluírse obradoiros creativos, actividades de narración oral como contacontos, lecturas en voz alta, recitais, regueifas e similares, propostas de divulgación literaria como encontros con autores, clubs de lectura e similares, así como iniciativas de divulgación científica ou charlas sobre temas de interese social ou cultural.

Tamén poderán incluírse propostas do audiovisual como proxeccións, audicións, ciclos arredor do cine e a música, creación de contidos dixitais, proxectos de artes escénicas, exposicións ou roteiros para descubrir escenarios literarios, entre outros. O prazo está aberto ata o 31 de xaneiro.

Imaxes relacionadas