A Rede de Dinamización Lingüística pecha o ano con máis de 700 actividades por toda Galicia

Neste período incorporáronse 25 novos membros entre concellos, grupos de desenvolvemento rural e asociacións, sumando un total de 227 adhesións

O secretario xeral de Política Lingüística e presidente da RDL, Valentín García, deu conta da memoria de actividades 2021 e presentou a proposta de actividades aprobada para o 2022, que se centrará na infancia, na mocidade e no deporte
 

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2021

A Rede de Dinamización Lingüística pecha o ano cun balance de máis de 700 accións de fomento do galego (exposicións, recitais, concertos, representacións...) que chegaron a 225 lugares diferentes.

As accións desenvoltas centráronse principalmente, e como xa é habitual, na infancia e na familia, así como na mocidade, na transmisión interxeracional da lingua ou no seu uso no lecer, fundamentalmente a través de programas como o FalaRedes ou o Nadal en Rede.

Así se constatou na reunión anual do Consello de Membros da Rede, un encontro en liña no que participaron 57 representantes dos concellos e entidades membros e no que o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu conta da memoria de actividades 2021.

O deporte como contorna de interacción

Na xuntanza tamén se presentaron as liñas de traballo para 2022 que, segundo explicou o representante da Xunta de Galicia, “están centradas de novo na infancia e na mocidade, procurando espazos de lecer onde a lingua vehicular sexa o galego”. “O deporte é outro dos eixos fundamentais da nova programación, posto que é un dos contornos nos que a rapazada máis interactúa de xeito masivo”, engadiu.

A posta en valor do galego como vehículo de comunicación e activo empresarial no ámbito da lusofonía, a presenza dos valores transversais como a igualdade ou a sensibilización contra a violencia de xénero, o enriquecemento e difusión da riqueza toponímica galega e a visibilidade do idioma e da cultura propias no Camiño de Santiago, dentro do marco do Xacobeo, son o resto de principios reitores que rexerán as actividades da Rede durante este ano.

O Consello de Membros tamén ratificou a entrada dun total de 25 concellos e entidades “froito do esforzo que cada día se fai para levar accións de dinamización a toda Galicia, o que chamou a atención de máis localidades que pediron a súa adhesión”, sinalou Valentín García. Entre estas incorporacións destacan, ademais, as dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), “posto que agrupan concellos, moitos deles entidades locais con pouca poboación pero que traballan en común e de xeito moi áxil, de maneira que as propostas chegan a un gran número de veciños e veciñas”, engadiu o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Novos membros da Rede

Os novos membros da Rede son os concellos de Meaño, Vilar de Barrio, Cualedro, Touro, Santiso, Vilanova de Arousa e Chantada, así como os Grupos de Desenvolvemento Rural e asociacións GDR 1-Asociación Terras de Miranda, GDR 3-Asociación Montes e Vales Orientais, GDR 4-Comarca de Lugo, GDR 5-Asociación Miño Ulla, GDR 9-Asociación Monteval, GDR 10-Asociación Limia-Arnoia, GDR 11-Ardecou-Asociación de Desenvolvemento Rural Comarca de Ourense, GDR 15 Pontevedra-O Morrazo, GDR 19-Asociación Terras de Compostela, GDR 23-ADR Mariñas-Betanzos, GDR 28-Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes, GDR Asociación Costa da Morte, GDR Ulla-Tambre-Mandeo, GDR Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta, Asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servicios, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR), Asociación Centro Cultural Artístico e Recreativo Valladares e Recreo Cultural A Estrada. Tras estas novas incorporacións, a Rede suma 227 membros repartidos por toda Galicia.

Imaxes relacionadas