A Xunta recibe as ofertas de 9 empresas para as obras de eliminación dun tramo de concentración de accidentes na PO-403 en Ponteareas, licitadas por máis de 575.000 €

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé desenvolver esta actuación durante este ano, xa que ten un prazo de execución de oito meses

O investimento global da Xunta ascende a 650.000 euros, tendo en conta o pagamento das expropiacións dos 24 predios necesarios para executar a actuación

Intervirase nun treito de 1,6 quilómetros, entre o enlace coa A-52 e o final da travesía de Angoares, mellorando as interseccións para facilitar movementos con maior visibilidade e reforzando a seguridade nos pasos de peóns

Na actuación incorporaranse as achegas presentadas durante o proceso de información pública para ampliar as beirarrúas e estender o treito de itinerario peonil continuo
 

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2022

A Xunta recibiu un total de 9 ofertas de empresas para executar as obras de mellora da seguridade viaria para actuar no treito de concentración de accidentes da estrada PO-403 ao seu paso polo concello de Ponteareas, licitadas por un importe de 576.892 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé desenvolver esta actuación durante este mesmo ano, xa que ten un prazo de execución de oito meses.

O orzamento total destinado a este proxecto rolda os 650.000 euros, tendo en conta o pagamento das expropiacións dos 24 predios necesarios para executar a actuación. Os actos expropiatorios xa se levaron a cabo os pasados meses de xuño e de setembro.

Esta intervención enmárcase na estratexia da Xunta para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica.

Os traballos comprenden un tramo de 1,6 quilómetros de lonxitude, desde o punto quilométrico 8+600, despois do enlace coa autovía das Rías Baixas, a A-52, e o final da travesía de Angoares, no punto quilométrico 10+200.

As intervencións consistirán na mellora e reordenación das interseccións con maior accidentalidade, mediante a execución de cuñas de desaceleración ou aceleración, que faciliten os movementos de saída e incorporación á estrada autonómica para evitar a probabilidade de alcance e incrementar a visibilidade.

Nas obras prevese a creación de puntos específicos para realizar os xiros á esquerda e cambios de sentido con suficiente visibilidade, o que permitirá reordenar outras interseccións próximas, limitando xiros que non se realizan actualmente en condicións de visibilidade.

Ademais mellorarase a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade, mediante a restrición do aparcadoiro nas súas proximidades ou a ampliación da beirarrúas no paso de peóns.

A intervención inclúe a mellora da intersección actual no punto quilométrico 8+860, coa creación dunha semiglorieta para un cambio de sentido e a execución dunha glorieta no punto 9+380 para calmar o tráfico e reordenar as saídas próximas.

Os traballos teñen en conta as achegas presentadas ao proxecto inicial e inclúen a ampliación das beirarrúas, desde o punto quilométrico 9+210 ata a nova glorieta no punto 9+380, para completar un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da estrada no treito obxecto da actuación. A intervención atende, ademais, a solicitude para mellorar a seguridade peonil coa protección do paso de peóns no punto quilométrico 9+160.

Tamén se actuará na intersección da PO-403, no punto quilométrico 9+920, mellorando a súa visibilidade coa execución de cuñas de cambio de velocidade e dun carril central.