A Xunta dá a benvida á segunda parte deste Ano Santo dobre e invita a camiñar a Galicia en 2022

O gaiteiro Carlos Núñez actuou no acto videomusical “Camiña a Galicia.Feliz Xacobeo 2022” e presentou o espectáculo de vídeo mapping na fachada da Porta Santa con efectos especiais 3D, cor e son

O trío de pandereteiras Tanxugueiras achegouse ata a Quintana para acompañar a Carlos Núñez no acto de benvida
 

Santiago de Compostela, 31 de decembro 2021

A Catedral de Santiago acolleu hoxe o acto Camiña a Galicia. Feliz Xacobeo 2022, un espectáculo de luz, cor e música conducido por Carlos Núñez co que dar a benvida á segunda parte do Xacobeo. Tamén contou coa presenza do trío de pandereteiras Tanxugueiras, que acompañaron ao gaiteiro galego neste evento.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e a conselleira do Mar, Rosa Quintana; xunto cos delegados territoriais da Xunta, asistiron tamén a este espectáculo que permite lembrar que a Porta Santa seguirá aberta durante os vindeiros 365 días, por segundo ano consecutivo, neste Xacobeo 21-22. Entre as institucións representadas acudiron ademais o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; ou o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde.
O acto comezou coa proxección dun fragmento do vídeo Comeza o Xacobeo 2021-2022 para invitar aos peregrinos de todo o mundo a camiñar a Galicia en 2022.
Carlos Núñez exerceu como mestre de cerimonias acompañado das integrantes de Tanxugueiras, Aida Tarrío e Sabela e Olaia Maneiro.
O gaiteiro xa actuou o ano pasado tras a apertura da Porta Santa e nesta ocasión volveu facelo con tres pezas musicais, unha delas acompañado do músico galego Xabier Díaz.
Durante as actuacións proxectáronse sobre a fachada da Quintana como apoio audiovisual vídeos de concertos de The Chieftains coa Orquestra Sinfónica de Galicia no Obradoiro durante o Xacobeo 2010 e en Castrelos no 2004.

Estas imaxes serviron de antesala ao espectáculo de vídeo mapping na fachada da Porta Santa baseado nunha historia sobre un peregrino e o seu percorrido, que contou con efectos sonoros e de 3D simulando, entre outras cousas, a apertura a Porta Santa como símbolo de transición á segunda parte deste Ano Santo. O acto rematou cunha actuación musical a cargo da Banda de Gaitas de Pontevedra.

Imaxes relacionadas