Un total de 259 deportistas galegos de alto nivel recibiron axudas por importe de 430.850 euros neste 2021

Sumando a convocatoria ordinaria que vén de ser resolta no día de onte (180.850 euros para 219 deportistas) coa convocatoria extraordinaria para os Xogos de Toquio (250.000 euros para 40 deportistas)

Santiago, 30 de decembro de 2021

A Secretaría Xeral para o Deporte, da man da Fundación Deporte Galego, vén de publicar a resolución sobre a convocatoria de Axudas a Deportistas Galegos de Alto Nivel DGAN 2021. En total foron concedidas 219 axudas -124 homes e 95 mulleres- por un importe de 180.850 euros. Cómpre salientar que, grazas a convocatoria extraordinaria da liña de ‘Axudas Reto Galicia Tokyo con Igualdade 2021’, con motivo dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, que beneficiaron a 40 deportistas cun importe de 250.000 euros, no ano 2021, 259 deportistas galegos de alto nivel recibiron axudas por importe de 430.850 euros.

Máis polo miúdo, as axudas concedidas na convocatoria ordinaria resolta no día de onte foron 84 Axudas DGAN 6 (de 150 a 850 euros), 21 Axudas DGAN 5 (1.000 euros), 33 Axudas DGAN 4 (2.000 euros) e 3 Axudas DGAN 3 (4.000 euros), estas últimas concedidas a Laura Martínez e Estrella López Sheriff (judo) e mais a Jorge Casales (motociclismo). Ademais tamén se repartiron un total de 78 Axudas DGAN Compensación COVID19 (de 225 a 3.000 euros), para aqueles deportistas que xa tiveron axuda DGAN en 2020 e que non puideron competir por causas alleas á súa vontade, directamente vinculadas á cancelación de competicións oficiais ou por sufrir corentenas por contaxio COVID19 ou por contaxios de contactos próximos.

Atendendo ás modalidades deportivas, das 219 axudas concedidas, o 17,8% (39) foron para piragüistas, metres que o 11,8% (26) foron para taekwondistas e o 7,3% (16) para judokas. A provincia con máis deportistas becados foi Pontevedra co 52% (114), seguida da Coruña co 33,7% (74), Lugo co 8,2% (18) e Ourense co 5,9% (13).

Ata o venres 14 de xaneiro de 2022, poderanse presentar as reclamacións na sede electrónica da Xunta de Galicia, no rexistro da Fundación Deporte Galego ou en calquera rexistro oficial previsto no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Tamén no correo electrónico fundaciondeportegalego.pr@xunta.gal.

Con esta nova convocatoria, as Axudas DGAN outorgadas pola Xunta suman xa 6 millóns de euros e ao redor dun milleiro de deportistas beneficiados ao longo da historia.
 

Imaxes relacionadas