Xunta e forzas de seguridade controlarán que os locais de lecer nocturno que anunciaron o peche non abran entre esta noite e o 3 de xaneiro

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, reuníronse con representantes das forzas e corpos de seguridade para coordinar o control das medidas de prevención

Os axentes controlarán que se están a cumprir as normas acordadas ata o 18 de xaneiro no que respecta ao horario da hostalería e do ocio nocturno, á necesidade de presentar o certificado covid nestes locais ou á prohibición de celebrar festas privadas nestas datas, así como as demais medidas adoptadas trala celebración do último comité clínico

As forzas policiais vixiarán tamén que non se celebren botellóns, que están prohibidos

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, pide “prudencia” e recorda que os incumprimentos serán denunciados e sancionados
 

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, reuníronse con representantes das forzas e corpos de seguridade para coordinar o dispositivo de control das medidas de prevención contra a covid, tendo en conta as restricións aprobadas polo comité clínico e as acordadas nas reunións con representantes da hostalería e o do lecer nocturno.
Policías nacionais, gardas civís, axentes locais e efectivos da Policía Autonómica vixiarán, expresamente, que aqueles locais que se acolleron as axudas polo peche do seu establecemento permanezan realmente pechados entre esta noite e o 3 de xaneiro. Santiago Villanueva recordou ao respecto que o peche non se reduce á noite ou ao horario no que previamente ían celebrar festas e cotillóns, senón que debe manterse as 24 horas dos días sinalados.
Na reunión mantida hoxe no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) acordouse estremar os controis nas datas de Fin de Ano e Reis para garantir o cumprimento das restricións aprobadas no último comité clínico, e que se estenden desde esta noite ata o 18 de xaneiro do 2022.
Entre outras cuestións, os axentes vixiarán que se cumpran os horarios da hostalería e do lecer nocturno, a necesidade de pedir o certificado covid nestes locais ou a prohibición de celebrar festas privadas nestas datas ou botellóns, que están prohibidos.
Entre as novas medidas decretadas ata o 18 de xaneiro destaca a decisión de limitar a apertura dos locais de hostalería e restauración ás 00,00 horas da madrugada, e do ocio nocturno, ás 03,00 horas. No caso da hostalería e a restauración, os venres e os sábados poderán ampliar os seus horarios de apertura ata as 01,00 horas.
Ademais, será obrigatorio solicitar o certificado covid para acceder aos locais de hostalería durante todo o día, e tamén a volta da prohibición de consumir nas barras dos locais. Recórdase, ademais, que os locais deben estar ventilados e cumprir todas as normas sanitarias decretadas para o sector, así como respectar os límites de ocupación e o número de comensais por mesa.
Perante a chegada do ano novo, o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, recordou que pola alta incidencia da covid “non vai ser posible celebrar estas festas como quixéramos”, de aí a necesidade de que as forzas e corpos de seguridade incrementen a vixilancia para evitar un maior número de contaxios. Rueda recordou que os incumprimentos das medidas decretadas serán denunciados e sancionados e apelou á responsabilidade da poboación, ademais de insistir en que “a mellor vixilancia é a prudencia da cidadanía”.
Perante uns días nos que se prevén moitos desprazamentos e nos que tradicionalmente se celebran moitas xuntanzas en Galicia, as autoridades e os mandos policiais recordan a necesidade de seguir respectando as restricións ás que obriga a situación sanitaria pola covid-19, e recordan que o uso da máscara xa non é obrigatorio só nos interiores, senón que debe levarse tamén na rúa.
No encontro, celebrado por videoconferencia, Santiago Villanueva agradeceu o labor das forzas de seguridade e pediulles especial vixilancia estes días de festa.
 

Imaxes relacionadas