A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou estas instalacións

Política Social destina máis de 92.000 euros a mellorar o albergue xuvenil de Lugo

Con esta achega realizouse a substitución de ventás, acondicionouse parte do chan, ampliouse a iluminación exterior e pintáronse as zonas comúns, entre outros

Lugo, 30 de decembro de 2021.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado da Xunta, Javier Arias, visitou esta mañá o albergue xuvenil Lug II, onde puxo en valor os máis de 92.000 euros que o Goberno galego destinou este ano a mellorar estas instalacións.

Cristina pichel explicou que con estes fondos, entre outras cousas, puidéronse substituír máis dunha trintena de ventás, ademais de pintar as zonas comúns e algúns dormitorios. Tamén serviron para substituír o chan da sala de usos múltiples e parte das habitacións, así como ampliar a iluminación exterior.

A Administración autonómica levou a cabo este conxunto de reformas neste centro para mellorar a estancia das mozas e mozos que durante todo o ano pasan por el. Sen ir máis lonxe, hai dous meses o albergue xuvenil Lug II formou parte do proxecto Erasmus + Rural Voices of Europe, a través do cal se reuniron 30 mozos de Italia, Lituania, España, Serbia e Ucrania. Ademais disto, durante o 2021 foi unha das sedes do programa de Outono xove e acolleu, na temporada estival, campamentos de verán.

Imaxes relacionadas