A Xunta convoca o Bono alugueiro social co que asumirá o pago da totalidade da renda mensual dos beneficiarios

O prazo de presentación de solicitudes das axudas, que co complemento suman 860.000 € de orzamento, comezará o vindeiro 3 de xaneiro

No caso das sete cidades galegas, a subvención pode chegar ata os 450 euros; en concellos de tamaño medio, ata 400 euros; e no resto, 350 euros
 

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia manterá en 2022 o seu compromiso cos colectivos máis vulnerables, aos que seguirá facilitando axudas para facer fronte o alugueiro.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as resolucións polas que se convocan as subvencións do Bono de alugueiro social e a concesión directa do complemento, co que asumirá por terceiro ano consecutivo a totalidade da renda dos beneficiarios.

Ambas resolucións suman un importe global de 860.000 euros e teñen un prazo de presentación de solicitudes que comezará o vindeiro luns 3 de xaneiro.

O Bono de alugueiro social é un programa creado para facilitar o acceso e o mantemento dunha vivenda en réxime de arrendamento a aqueles colectivos con maiores dificultades económicas.

A concesión inicial do Bono é por un período de 12 meses, prorrogables por dous anos máis previa petición do interesado. Posteriormente, poderá ampliarse de forma extraordinaria por outros tres exercicios, polo que a duración máxima de percepción das subvencións poderá estenderse ata os seis anos.

Así mesmo, o Bono tamén prevé a concesión dunha axuda adicional de 600 euros para cubrir os gastos de formalización dun novo contrato de alugueiro ou, no caso de que o beneficiario permaneza na mesma vivenda, para atender débedas subsistentes.

Coa concesión desta axuda e do complemento, o beneficiario recibe o 100% da mensualidade máxima do alugueiro; que no caso das sete cidades galegas pode chegar ata os 450 euros; en concellos de tamaño medio, ata 400 euros; e no resto, 350 euros.

9,7 millóns de euros desde 2015

O Instituto Galego da Vivenda e Solo puxo en marcha no ano 2015 o Bono de alugueiro social. En abril de 2020, como consecuencia da covid-19, decidiu complementar estas axudas para sufragar a totalidade da renda mensual dos beneficiarios e en 2021 decidiuse que este complemento se mantería tamén durante todo o ano. Agora proseguirá ao longo do exercicio de 2022.

Desde a posta en marcha do programa ata a última convocatoria, concedéronse un total de 1.420 bonos por un importe de 4,4 millóns de euros, aos que se sumaron 1.549 prórrogas por 3,6 millóns de euros.

Cómpre lembrar que a Xunta dispón tamén do Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, os seus fillos dependentes e vítimas de explotación sexual, cuxos beneficiarios reciben así mesmo o 100% do custe do alugueiro.

Este bono específico creouse en 2019 e dende entón concedéronse 420 por importe de 1,2 millóns de euros e 192 prórrogas por importe de 483.000 euros, polo que o investimento total no mesmo foi de case 1,7 millóns de euros.

Deste xeito, o Goberno galego xa investiu 9,7 millóns de euros en axudas ao alugueiro para os colectivos máis vulnerables desde ao ano 2015.

Imaxes relacionadas