A Xunta investirá preto de 1,7 M€ no control e seguimento da calidade das augas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa nos vindeiros dous anos

Augas de Galicia e o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia renovan a colaboración para o seguimento do estado das masas das augas continentais, costeiras e de transición de competencia autonómica

O acordo permitirá efectuar a análise das diferentes categorías de masas de auga en 346 puntos de mostraxe, identificando os problemas asociados aos sistemas de saneamento e depuración para actuar onde sexa prioritario

No período 2020-2021 realizáronse unhas 5.000 mostraxes e análises que permitiron facer un seguimento do estado de 182 masas de auga río, 19 masas de auga encoro, 26 masas de auga costeira, 4 lagoas costeiras e 24 masas de auga de transición

Augas de Galicia exercerá a dirección técnica do desenvolvemento das accións e o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia asume o compromiso de realizar a toma de mostras das augas e as correspondentes análises
 

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinaron telematicamente o acordo de colaboración para avaliar o estado das masas de auga superficiais da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, que suporá un investimento de preto de 1,7 M€.

Este acordo, que terá unha vixencia de dous anos, dá continuidade a colaboración entre Augas de Galicia e o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia (LMAG), organismos dependentes dos departamentos de Infraestruturas e Mobilidade e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, respectivamente.

Mediante este convenio regúlase a cooperación entre ambos os dous departamentos de cara a unha adecuada programación e desenvolvemento da análise e xestión das redes de control, vixilancia e operativa das augas continentais, costeiras e de transición da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

O concerto asinado hoxe prevé un orzamento estimado de preto de 1,7 millóns de euros para efectuar as citadas tarefas, que abonará Augas de Galicia.

Os traballos obxecto desta colaboración céntranse no cálculo dos distintos indicadores físico-químicos, biolóxicos, hidromorfolóxicos e químicos que radiografan a situación do ríos, encoros ou augas costeiras e de transición da demarcación Galicia-Costa e comproban a evolución do seu estado.

Para realizar estes labores, no acordo prevense 346 puntos de mostraxe, que se distribúen nos diferentes programas de seguimento das masas de augas superficiais e con distintas frecuencias segundo a normativa de aplicación. A partir da toma de mostras e a análise destes parámetros das redes de control, vixilancia e operativa definidas no Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, Augas de Galicia establece onde é necesario aplicar medidas para mellorar o estado das masas de auga.

Deste xeito, por exemplo, estes controles permiten identificar á entidade hidráulica da Xunta os problemas asociados aos sistemas de saneamento e depuración e onde é prioritario actuar, mellorando as instalacións existentes.

Con este novo acordo de cooperación entre ambos os departamentos autonómicos mantense o traballo desenvolvido pola Xunta de cara a unha adecuada programación, análise e xestión das redes de control definidas no Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.
Augas de Galicia vén realizando un continuo traballo de seguimento, avaliación e control do estado das augas superficiais e as normas de calidade ambiental na demarcación. Estas accións están organizadas en distintos programas cos que se valora o cumprimento dos obxectivos medioambientais que exixe a lexislación actual e que parte do marco común europeo.

Deste xeito, baixo o paraugas do acordo que se renova agora, no período 2020-2021 realizáronse unhas 5.000 mostraxes e análises que permitiron facer un seguimento do estado de 182 masas de auga río, 19 masas de auga encoro, 26 masas de auga costeira, 4 lagoas costeiras e 24 masas de auga de transición.

Isto supón que en máis do 50% das masas de augas superficiais existentes na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa existe un punto de control no que se realizan as mostraxes e analíticas necesarias para unha valoración completa do seu estado segundo a lexislación de referencia.
O marco do acordo
O convenio asinado, que recolle o detalle dos compromisos de cada organismo, establece que o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia asume o compromiso de realizar a toma de mostras en augas superficiais continentais, augas costeiras e augas de transición, así como o seu transporte e custodia ata as instalacións do laboratorio, onde se desenvolverán as actividades correspondentes para a súa análise.

O Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia manterá informado ao organismo competente en materia de augas da marcha dos traballos, entregaralle os resultados periodicamente e facilitaralle todos os datos e a información que lle soliciten ao respecto.

Pola súa banda, Augas de Galicia exercerá a dirección técnica do desenvolvemento das accións.