A Xunta referenda o seu compromiso coa formación e o talento feminino na entrega dos premios ‘Son Muller’

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou no acto de entrega de galardóns da Asociación de Empresarias de Lugo

O Goberno galego desenvolverá en 2022 un plan propio, o Emprega Muller, con programas específicos para a empregabilidade feminina, dotado con 34,3 millóns

A Xunta traballa no VIII Plan estratéxico galego para a igualdade que porá o foco na esfera educativa

Lugo, 29 de decembro de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe, na entrega dos premios Son Muller 2021 da Asociación de Empresarias de Lugo, o compromiso continuado da Xunta polo fomento do talento e a formación das mulleres, que terá en 2022 un plan propio, o Emprega Muller, ao que se destinarán 34,3 millóns de euros.

López Abella defendeu o compromiso do Goberno galego para “avanzar na eliminación das brechas de xénero aínda persistentes no acceso ao emprego, na promoción profesional e para a maior presenza das mulleres nas esferas de decisión e influencia das estruturas sociais, económicas e profesionais”, con políticas para fomentar a empregabilidade feminina e o emprendemento desde a innovación.

A Xunta inclúe a igualdade como obxectivo transversal de todas as súas actuacións. Este principio estará presente en 2022 nun programa específico, o Emprega Muller, dotado con 34,3 millóns de euros con medidas de discriminación positiva e programas exclusivos para mulleres, cos que se intensificarán os apoios á formación e o impulso do talento feminino.

Esta iniciativa complementará actuacións máis lonxevas, como o programa Emega de emprendemento feminino, que ven de celebrar os seus 25 anos, que tamén presentará un orzamento histórico de 4,2 millóns de euros en 2022.
Mellorar as capacidades dixitais de mulleres residentes no medio rural, programas integrados de emprego exclusivamente femininos, unidades formativas para empresas con poucas mulleres nos seus cadros de persoal e os incentivos á contratación e o relevo xeracional protagonizado por elas son algunha das actuacións coas que a Xunta quere ofrecer máis oportunidades laborais ás mulleres galegas e impulsar o seu liderado.

Acadar eses obxectivos non sería posible en os necesarios apoios á igualdade laboral nas empresas, á conciliación e á corresponsabilidade no fogar, aos que a Xunta destinará 16 millóns de euros o vindeiro ano.

A secretaria xeral resaltou no acto que “resulta fundamental seguir apoiando o liderado feminino e a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade, á vez que cómpre derrubar os obstáculos que dificultan a incorporación en condicións de igualdade e a promoción profesional das mulleres en ámbitos como o da ciencia, a cultura ou o mundo do deporte”. Neste sentido anunciou que a Xunta, está deseñar xa o VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para o próximo quinquenio, “co fin de incrementar os esforzos na esfera educativa, así como en materia de prevención da violencia de xénero desde a infancia”.