A Xunta destaca que o ámbito do tempo libre axuda a impulsar o emprego entre a xuventude

Durante o ano 2021 a Xunta emitiu 1090 títulos relacionados con este ámbito entre monitores e directores de actividades de tempo libre e campos de voluntariado

Vigo, 29 de decembro de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou que o sector da educación no tempo libre é un dos ámbitos que impulsa o emprego entre a xente nova en Galicia. Neste sentido, apostou pola formación que se imparte en centros oficiais como a escola de tempo libre Koremi, en Vigo, que visitou esta mañá acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias.

Cristina Pichel lembrou que durante o ano 2021 a Xunta emitiu 1090 títulos relacionados co mundo do tempo libre. Deles a gran maioría (1027) foron de monitor de actividades de tempo libre, mentres que outros 49 foron de director de actividades de tempo libre e 14 correspondentes a títulos de director de campos de voluntariado.

A directora xeral e a delegada territorial coñeceron a algúns dos participantes nestes cursos de formación, aos que lles fixeron entrega dos seus títulos acreditativos. Koremi realizou cursos nas instalacións municipais da Guarda, nas instalacións do mercado de Teis e nas súas instalacións de Vigo. Participaron preto de 60 persoas nas súas actividades neste ano.