A Xunta publica no DOG a redución da suba das peaxes das autoestradas autonómicas en 2022, limitando a menos da metade o impacto do incremento do IPC nas tarifas

O Goberno galego achegará 550.000 € para reducir do 5,09%, que correspondería pola suba do IPC, ao 2,5% o aumento das peaxes nas autoestradas A Coruña-Carballo e do Val Miñor

No caso dos vehículos lixeiros, o incremento máis elevado será o mínimo posible, é dicir, de 5 céntimos

Con esta medida da Xunta as autoestradas autonómicas seguirán sendo das máis baratas de España, cun custo medio por quilómetro inferior ao das autoestradas estatais AP-9 e AP-53

As autoestradas autonómicas manteñen as bonificacións establecidas por recorrencia, en horario nocturno ou para as familias numerosas

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se reducirá en 2022 a suba das peaxes das autoestradas autonómicas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) para limitar as consecuencias do incremento do IPC nas tarifas aos usuarios.

O Consello da Xunta autorizou o pasado xoves, 23 de decembro, a modificación do convenio coa concesionaria Autoestradas de Galicia co obxectivo de limitar a suba das tarifas das autoestradas autonómicas a menos da metade do que lle correspondería polo incremento do IPC, segundo o estipulado no contrato.

Para iso, o Goberno galego achegará 550.000 euros para mitigarlles aos cidadáns o impacto da suba do IPC nas peaxes das autoestradas autonómicas, reducindo do 5,09% previsto ao 2,5% o aumento das tarifas.

O Executivo autonómico, a través desta medida, continúa a traballar para minimizar o impacto económico que están experimentando as familias ou os profesionais do transporte por mor da crise enerxética, de abastecemento e de prezos de materiais, que se reflicten no prezo das materias primas e no custo dos servizos.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse esta información: https://bit.ly/317KnQN

O incremento derivado do IPC suporía que as tarifas das autoestradas autonómicas sufrirían un aumento dun 5,09%, despois de anos conxeladas ou mesmo con descensos nas súas tarifas.

Neste sentido, a Xunta promoveu unha modificación do convenio coa concesionaria para que o aumento das tarifas se reduza a menos da metade do previsto sen esta intervención, limitándoo ao 2,5%.

De modo máis concreto, dado que as peaxes en AG-55 e AG-57 se redondean a 5 céntimos para os distintos itinerarios, o efecto desta medida é diferente segundo o treito. Para vehículos lixeiros, a suba máis elevada será a mínima, de 5 céntimos.

Na AG-55 e para vehículos lixeiros, co incremento de tarifas de acordo co IPC, de 11 itinerarios subirían 6. Porén, coa limitación establecida pola Xunta ao 2,5%, só subirán 2 treitos e en todos estes auméntase un importe mínimo, de 5 céntimos.

Na AG-57 e para vehículos lixeiros, coa suba de acordo co IPC, de 12 itinerarios subirían 10. Non obstante, limitando a suba ao 2,5%, só aumentan o prezo 6 itinerarios, e todos eles na contía mínima, de 5 céntimos.

Bonificacións

As autoestradas autonómicas, aínda que son das máis baratas de España, contan con distintas liñas de bonificacións impulsadas pola Xunta.

A día de hoxe as autoestradas autonómicas teñen o custo medio máis baixo de Galicia, máis baixo que o da AP-9 incluso tras a aplicación das novas bonificacións: sen IVE, 5,6 céntimos/km nas autoestradas autonómicas, por 6,1 céntimos/km de tarifa media da AP-9; ou os 7,7 céntimos/km (sen IVE) da AP-53.

Con esta medida impulsada pola Xunta, as autoestradas autonómicas seguirán sendo das máis baratas de España, cun custo medio por quilómetro inferior ao das autoestradas estatais AP-9 e AP-53.

Cómpre lembrar que o Goberno galego ampliou este ano o desconto do 25% da volta, e do 50% na segunda volta, aos usuarios recorrentes ata as 24 horas posteriores á realización da viaxe de ida.

Con esa modificación, estendeuse ás 24 horas despois do traxecto de ida o desconto do 25% da viaxe de volta, e do 50% na segunda viaxe de volta. Refórzase así o anterior período de bonificación que establecía que a volta debía realizarse no mesmo día natural que a ida, favorecendo ás persoas que se desprazan por estas vías para acceder aos servizos públicos ou acceder ao seu lugar de traballo.

Tamén están en vigor a bonificación ás familias numerosas nas estradas autonómicas, descontando o 100% da viaxe de volta a este colectivo.

Estes descontos son compatibles con outras bonificacións en funcionamento como a rebaixa do 50% en horario nocturno.