A Xunta licita por preto de 320.000 euros as obras da senda peonil e ciclista na estrada AC-213 na Telva, en Cambre e Culleredo

Construirase unha senda de 680 metros de lonxitude na marxe da vía autonómica: 540 metros na AC-213 e 140 metros no ramal ao polígono de Alvedro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará a esta actuación de fomento da mobilidade sostible e de mellora da seguridade viaria un investimento de arredor de 380.000 €, incluíndo o pagamento dos 11 predios necesarios para a súa execución

Os actos expropiatorios están convocados para os meses de xaneiro e de marzo

As empresas interesadas en executar as obras, que teñen un prazo de execución de 8 meses, poderán presentar ofertas ata o vindeiro 24 de xaneiro
 

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021

A Xunta licita por preto de 320.000 euros a execución das obras da senda peonil e ciclista na estrada autonómica AC-213 na Telva, nos concellos de Cambre e de Culleredo.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación desta actuación á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 24 de xaneiro.

O investimento que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará a esta intervención de fomento da mobilidade sostible e de mellora da seguridade viaria rolda os 380.000 euros tendo en conta o pagamento dos 11 predios necesarios para a súa execución.

Onte mesmo, o Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria para xaneiro e marzo aos propietarios dos predios necesarios para impulsar esta actuación, que conta cun prazo de execución de 8 meses.

Esta intervención do departamento que dirixe Ethel Vázquez, ten como obxectivo a execución dunha senda de 680 metros de lonxitude na marxe da vía autonómica: 540 metros na AC-213 e 140 metros no ramal ao polígono de Alvedro.

A actuación céntrase na execución dunha senda, que se desenvolve entre os puntos quilométricos 1+840 e 2+34, e se configurará en dous itinerarios diferenciados.

En concreto, o primeiro itinerario será peonil e correspóndese co tramo que une o núcleo do Burgo e dos Campóns, onde a estrada autonómica enlaza coa provincial DP-1702.

O outro itinerario, que parte tamén do Burgo, discorrerá en paralelo ao río Mero ata A Telva, continuando pola senda existente no polígono de Alvedro ata a estrada N-550. Neste tramo do Burgo á Telva, con alta afluencia de ciclistas, a actuación proxectada prevé dotar a senda dun carril bici de solo estabilizado, dando así continuidade a ese itinerario.

No que se refire ao deseño, a actuación formúlase como unha senda de 2 metros de lonxitude, con carril bici naquelas zonas que dan continuidade ao itinerario ciclista.

A Xunta segue dando cumprimento ao seu compromiso de habilitar, nas estradas da súa titularidade, itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe.

Este contrato conta coa financiación dos fondos europeos Feder React-UE como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19 dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.