O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe a residencia ‘O Salgueiro’ no concello de Gondomar

Política Social pon en valor o traballo de Autismo Vigo na posta en marcha de recursos residenciais e de autonomía persoal

O Goberno galego financia o funcionamento de 12 prazas residenciais neste centro para o que destina un orzamento de 260.000 euros anuais

Tamén se destinan preto de 70.000 euros a programas de autonomía persoal por parte de Autismo Vigo
 

Gondomar (Pontevedra), 28 de decembro de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou hoxe o traballo realizado por Autismo Vigo para a posta en marcha de recursos residenciais e de autonomía persoal. Esta tarde, visitou a residencia ‘O Salgueiro’ que esta entidade ten no concello de Gondomar.

O director xeral sinalou que a Xunta financia o funcionamento das prazas deste centro: oito prazas residenciais os 365 días do ano, dúas de luns a venres e dúas de respiro familiar de fin de semana. Un total de 12 prazas para o que destina un orzamento de 260.000 euros anuais.

Ademais, Fernando González lembrou que o Goberno galego colabora con Autismo Galicia para a posta en marcha de programas de autonomía persoal e envellecemento das persoas con autismo a través da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF. O pasado ano destinouse a estas iniciativas preto de 70.000 euros.