A Xunta licita por 737.000€ a construción dunha senda peonil na estrada PO-548 en Cordeiro, no concello de Valga

O delegado territorial, Luis López, anunciou a apertura da fase de contratación desta actuación nunha visita á zona coa alcalde, José María Bello, e outros representantes municipais

A obra, que dá continuidade ao plan de fomento da mobilidade sostible e de reforzo da seguridade viaria da Xunta, consiste nun itinerario seguro de 230 metros de lonxitude, incluíndo unha pasarela sobre o río Louro, e a continuidade dun viario municipal

As empresas interesadas na execución dos traballos teñen ata o vindeiro 24 de xaneiro para presentar as súas ofertas

“Trátase dunha actuación fundamental para unha contorna de moito tráfico de vehículos e peonil, xa que une a igrexa de Santa Columba, o colexio Ferro Couselo e o pavillón, que ofrece moitos servizos e actividades”, detallou o representante autonómico
 

Valga, 28 de decembro de 2021

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, licitou hoxe as obras de construción dunha senda peonil na estrada autonómica PO-548 ao seu paso pola parroquia de Cordeiro, no Concello de Valga, cun investimento de 736.989 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de xaneiro.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou a apertura da fase de contratación desta actuación, enmarcada nas accións da Xunta para o fomento da mobilidade sostible e da seguridade viaria, nunha visita a esta zona xunto ao alcalde de Valga, José María Bello, e outros representantes municipais.

A obra desenvolverase integramente durante o vindeiro ano 2022, xa que ten un prazo de execución de seis meses, e executarase entre os puntos quilométricos 2+970 e 3+200 desta estrada, que une Pontecesures e Catoira, ao seu paso por Valga. Así mesmo, esta actuación de construción dunha senda de 230 metros complementarase coa continuidade dun viario municipal.

“Trátase dunha obra fundamental para mellorar as condicións de seguridade dos centos de persoas que se desprazan a pé por esta vía, que ten moito tráfico de vehículos e peonil posto que une a igrexa de Santa Columba, o colexio Xesús Ferro Couselo e o pavillón municipal, que ofrece moitos servizos e actividades”, detallou o representante autonómico.

Formato da senda

A nova senda, que será financiada cos fondos REACT-UE, partirá do itinerario existente na vía autonómica PO-548 e discorrerá pola marxe esquerda ata o cruce coa pista municipal á que se lle dará continuidade para mellorar os servizos de conexión. Requirirá da instalación dunha pasarela metálica de grandes dimensións sobre o río Louro, na proximidade da igrexa de Santa Columba de Cordeiro, xa que terá 21 metros de lonxitude e case 3 metros de anchura.

Tamén se ampliará o paso sobre ese río, aumentando a plataforma da calzada cun forxado de chapas metálicas sobre trabes e construíndo catro muros de contención para asentar e fixar o terreo cunhas condicións idóneas de seguridade.

A intervención compleméntase coa reordenación do tráfico na intersección no punto quilométrico 3+910, onde se prevé executar unha pequena glorieta que permita o cambio de sentido, impida a realización de movementos que provocan situacións de risco e reforce a seguridade viaria.

Deste xeito, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue dando cumprimento ao seu compromiso de habilitar, nas estradas da súa titularidade, itinerarios peonís seguros, sustentables e integrados na paisaxe.

Imaxes relacionadas