O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a titular de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron hoxe unha xuntanza con diferentes entidades representativas do sector naval galego

A Xunta aposta pola formación como clave para preparar o sector naval ante o novo escenario de transformación dixital e sustentable

O Goberno galego está a intensificar os contactos con colectivos e sectores para avanzar na Axenda Galega de Capacidades para cuxo deseño convocará nove mesas a partir de xaneiro, das que unha representará o sector naval e o da pesca

Conde explica que o obxectivo é sincronizar a oferta e a demanda que rexistran os sectores produtivos en materia de formación, tanto actualmente como de cara ao futuro

Di que a dixitalización é un dos grandes retos que afronta o sector naval, que implica novas especialidades e unha maior demanda de profesionais cualificados
 

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a titular de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron hoxe unha xuntanza con diferentes entidades representativas do sector naval galego para avanzar no deseño da Axenda Galega de Capacidades.

Conde explicou que o obxectivo é sincronizar a oferta e a demanda que rexistran os sectores produtivos en materia de formación, tanto actualmente como de cara ao futuro. E, nese sentido, explicou que este encontro permite coñecer concretamente o mapa de necesidades do sector naval galego ante o novo escenario de transformación dixital e sustentable.

Segundo dixo, a dixitalización é un dos grandes retos que afronta esta industria para impulsar a súa competitividade, a diversificación e a innovación. Implica novas especialidades e unha maior demanda de profesionais cualificados. E, polo tanto, é conveniente preparar o sector a partir da formación.

A conselleira de Emprego e Igualdade, pola súa banda, lembrou que a Xunta está a intensificar as xuntanzas con interlocutores de diferentes colectivos profesionais para avanzar no deseño da Axenda Galega de Capacidades. Trátase de deseñar unha formación laboral completa e actualizada que permita aos traballadores reciclarse permanentemente ao longo de toda a súa vida profesional.

Anunciou que en xaneiro o Goberno galego convocará as primeiras mesas de traballo dun total de nove que vén de conformar a Xunta. Estarán estruturadas por sectores e contarán con representantes das asociacións sectoriais e clústeres, sindicatos, asociacións de empresarios, autónomos e empresas de economía social, centros de coñecemento e a Confederación Española de Empresas de Formación.

Son nove grupos de traballo que afondarán nas necesidades formativas de cara ao mercado laboral que presentan os colectivos vulnerables e os sectores da construción, da economía verde, do sector dos coidados e a dependencia, da automoción e o aeroespacial, da loxística, do turismo ou da economía dixital. “Tamén haberá unha mesa específica da Blue economy, na que estarán representados os sectores da pesca e do naval, das enerxías renovables mariñas e do metal-mecánico vencellado co mar”, anunciou Lorenzana.
 

Imaxes relacionadas