A Xunta adxudica por máis 1,4 millóns de euros a explotación e mantemento da depuradora da Pobra do Caramiñal nos vindeiros 2 anos

Este contrato inclúe a xestión da explotación e conservación das instalacións para que cumpran os obxectivos de depuración en condicións óptimas de funcionamento

Os traballos tamén inclúen a retirada de graxas e flotantes no desareador-desengraxador da depuradora, estratéxica ante vertidos de carácter industrial

Augas de Galicia xestiona esta depuradora desde 2005, destinando a este fin un investimento total de máis de 12,5 M€

A Xunta traballa para reforzar o apoio aos concellos na prestación dos servizos da auga, de responsabilidade municipal, a través da Lei de mellora da xestión do ciclo integral, naqueles municipios que o soliciten de xeito voluntario

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou hoxe o contrato de explotación e mantemento da depuradora da Pobra do Caramiñal.
Este contrato foi adxudicado a Unión Temporal de Empresas Civis Global, SL & Depuración de Aguas del Mediterráneo, SL por un importe de 1,43 millóns de euros nos vindeiros 2 anos.
Trátase do servizo de conservación e mantemento da depuradora da Pobra do Caramiñal, deseñada para unha poboación de 30.000 habitantes equivalentes e para un caudal medio de 6.000 m³/d.
O contrato adxudicado hoxe abrangue os traballos de explotación e conservación das instalacións que forman parte do sistema de depuración para que cumpran os cometidos para os que foron deseñados en condicións óptimas de funcionamento.
As tarefas de mantemento tamén prevén a retirada de graxas e flotantes no desareador-desengraxador da estación depuradora de augas residuais, que é estratéxica debido aos vertidos de carácter industrial.
Cómpre lembrar que o Concello da Pobra do Caramiñal solicitou en abril a continuidade da xestión autonómica das instalacións da depuradora, aprobándose en Pleno o convenio de colaboración proposto por Augas de Galicia de cara ao cumprimento conxunto dos obxectivos de garantía e calidade no eido do saneamento e da depuración.
A xestión e o mantemento destas instalacións veñen sendo prestados pola Administración autonómica desde a finalización das obras da depuradora no ano 2005, cun investimento total de máis de 12,5 millóns de euros.
A prestación dos servizos de saneamento e abastecemento é unha responsabilidade de carácter municipal. Non obstante, a Xunta de Galicia vén proporcionando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o precisen.
A explotación e mantemento das infraestruturas hidráulicas teñen como obxectivos garantir a correcta depuración das augas residuais e ofrecer uns servizos que respondan ás necesidades reais da poboación.
Nesta liña o departamento que preside Ethel Vázquez, segue a traballar no obxectivo de intensificar o apoio aos concellos, a través da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que permitirá xestionar os servizos da auga de xeito profesionalizado naqueles municipios que así o soliciten de xeito voluntario.