A Xunta eleva a case 742.000 euros con cargo ao 0,7% do IRPF os apoios a entidades sociais para impulsar a igualdade e loitar contra a violencia de xénero

O Goberno galego vén de ampliar ata os 741.945 euros as axudas para programas dirixidos a apoiar a mulleres en situación de vulnerabilidade

Entre outras accións, a Xunta fomentará o acollemento, a atención e asesoramento, a formación para o liderado, a conciliación ou o tratamento da saúde de mulleres, en especial das vítimas da violencia de xénero

Desde 2018 a Secretaría Xeral da Igualdade concedeu máis de 1,6 millóns de euros a 87 actuacións promovidos por entidades sociais no marco desta convocatoria
 

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2021.- A Xunta vén de ampliar ata os 741.945 euros, con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) correspondente á comunidade, a contía que se destinará en 2021 a apoiar programas de entidades sociais para o liderado da muller, o apoio ás mulleres en situación de especial vulnerabilidade e a loita contra a violencia de xénero.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a actualización do orzamento desta liña de axuda coa que o Goberno galego impulsa a celebración de iniciativas de entidades sociais en beneficio das mulleres, en concreto das que se atopan en situación de vulnerabilidade: vítimas da violencia de xénero ou de outras violencias, mulleres en situación de explotación sexual-laboral ou de trata de persoas, inmigrantes, refuxiadas, reclusas, mulleres de minorías étnicas, etc.

Poderán recibir apoio económico as entidades que desenvolvan accións de aloxamento, acollemento, atención e asesoramento. A Xunta desexa tamén contribuír con iniciativas que faciliten formación e información para o empoderamento da muller ou coas propostas de conciliación e de apoio e tratamento integral de vítimas da violencia de xénero; así como con medidas que incidan na seguridade destas persoas e as súas familias e de tratamento integral da súa saúde.

A convocatoria está financiada con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF dos orzamentos do Estado que corresponden á comunidade galega.
Nos últimos tres anos (2018, 2019 e 2020) a Consellería de Emprego destinou máis de 1,6 millóns de euros no marco desta convocatoria a financiar un total de 87 programas de interese xeral das entidades.

O ano pasado, os cartos chegaron a 31 iniciativas que recibiron ata 56.000 euros, con especial presenza das propostas de capacitación laboral e participación activa de mulleres no ámbito rural, programas de saúde e centrados na discapacidade, na prevención da violencia de xénero e da trata.
 

Imaxes relacionadas