A Xunta avoga polo traballo conxunto de todas as administracións e o tecido produtivo de Ferrolterra para impulsar a reactivación industrial da comarca

Galicia agarda desde hai sete meses a que o Goberno acepte participar no Pacto de Estado por Ferrol e a que lidere a proposta para designar como zona franca os terreos portuarios

Conde anima a sindicatos e empresarios a participar no desenvolvemento do Polo de innovación vinculado á enerxía mariña e o almacenamento renovable

Reitera que Ferrolterra precisa máis carga de traballo en Navantia e un compromiso por escrito nos Orzamentos do Estado de 2022 para a execución do dique seco, proxecto básico para acadar o Estaleiro 4.0
 

Ferrol, 27 de decembro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avogou hoxe por un traballo conxunto e coordinado de todas as administracións e o tecido produtivo para reverter a situación en Ferrolterra e impulsar a súa reactivación industrial.

Así o manifestou esta tarde ao inicio do encontro con sindicatos e organizacións empresariais da comarca, onde apelou á colaboración do Executivo central para que esta recuperación sexa posible, aproveitando o novo marco de oportunidades que se poden abrir actualmente, como é o caso dos fondos europeos Next Generation e o Pacto de Estado por Ferrol, Eume e Ortegal.

“Estamos esperando desde hai sete meses a que o Goberno se sume a este pacto e que, polo tanto, haxa un compromiso con esta comarca para abordar retos de futuro nun momento especialmente comprometido, ao mesmo tempo que esperamos que lidere a proposta para designar unha zona franca no porto de Ferrol”, indicou Conde. En paralelo, insistiu en que os asuntos que dependan da Administración autonómica faranse nos prazos establecidos, un cometido polo que velará a nova Delegación Territorial da Xunta en Ferrol que se vai poñer en marcha.

Facendo referencia ao actual contexto de transición enerxética, o vicepresidente segundo apostou por seguir polo camiño da diversificación industrial e consolidar o potencial que está a demostrar a comarca no ámbito da eólica offshore. Por iso, apelou a que sindicatos e organizacións empresariais da comarca participen no desenvolvemento do Polo de Innovación vinculado á enerxía mariña e ao almacenamento renovable na zona.

Con respecto ao sector naval, Francisco Conde asegurou que a demanda é unánime: Navantia precisa carga de traballo inmediata, tamén para toda a industria auxiliar, e un compromiso nos orzamentos do Estado do vindeiro ano para a execución do dique seco, proxecto básico para acadar o Estaleiro 4.0.
 

Imaxes relacionadas