Román Rodríguez comproba o avance das obras de rehabilitación integral do colexio Gregorio Sanz en Ribadeo

A Xunta de Galicia inviste preto de 1M€ nestas obras, que se realizan no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

A actuación redundará nun aforro enerxético de máis do 40% para o centro
 

Ribadeo (Lugo), 27 de decembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, comprobou esta mañá o avance das obras de rehabilitación integral do colexio CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, nas que a Xunta de Galicia inviste preto de 1M€.

O titular do departamento educativo do Goberno galego destacou o bo ritmo dos traballos, que se prevé que estean rematados no primeiro trimestre do ano. De feito, no interior só quedan pequenos detalles como algunhas tarefas de pintado, pulido de chan e de colocación de falsos teitos. Así mesmo, está colocada case a metade da carpintería exterior e do illamento exterior do edificio.

Neste sentido, agradeceu a comprensión da comunidade educativa no desenvolvemento destas obras, que se están a compatibilizar coa actividade lectiva, baixo todas as garantías de seguridade. De feito, só se traballa no interior polas tardes, cando non hai alumnado.

14M€ este ano na provincia

Román Rodríguez lembrou que esta actuación se enmarca nun investimento de máis de 14M€ en obras realizadas e comprometidas este ano na provincia de Lugo, dos que case 2,7M€ se concentraron en actuacións en centros da Mariña lucense.

Así mesmo destacou que estas obras se realizan xa de acordo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para o deseño dun modelo de centros post pandemia, que conta cun orzamento de máis de 191M€ para o período 2021-2024. “Con este plan, Galicia vai ser pioneira no impulso dun novo modelo de escolas, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos, dando resposta ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas”, destacou.

Aforro enerxético de preto do 44%

A rehabilitación integral do CEIP Gregorio Sanz inclúe obras no exterior como illamento de fachadas, o cambio da cuberta, a substitución da carpintería exterior e vidros, así como a reforma da iluminación, cambiando as luminarias por outras de tipo LED con regulación lumínica e detectores de presenza nas zonas comúns, entre outras medidas. Todas estas actuacións combinadas redundarán nun aforro anual do 44% tanto no consumo enerxético final do centro como en emisións contaminantes á atmosfera. En concreto, no que se refire ao gasto en calefacción prevese un aforro de máis do 62%.

A obra inclúe, así mesmo, a reparación e pintado dos paramentos interiores, a colocación de falsos teitos e o pulido do pavimento, entre outros traballos.
 

Imaxes relacionadas