A Xunta apoiará en 2022 con 7.000 euros aos orfos e orfas de vítimas mortais por violencia de xénero e ás mulleres gravemente feridas tras unha agresión

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria destas axudas para o próximo ano por valor de 70.000 euros

As indemnizacións poderán solicitarse desde mañá ata o 30 de novembro de 2022

A Xunta apoiou con esta iniciativa a 7 orfos e orfas e a 9 mulleres desde 2019, cando se publicou por primeira vez esta actuación que forma parte do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as axudas dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos de vítimas mortais por violencia de xénero ou a mulleres que resultaran gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia machista. O orzamento da convocatoria para 2022 ascende a 70.000 euros e os apoios poderán solicitarse desde mañá 28 ata o 30 de novembro de 2022. A persoa beneficiara da axuda recibirá 7.000 euros de indemnización nun único pago, que se completa cunha asistencia integral, no marco das medidas que a Comunidade brinda para apoiar ás mulleres e aos menores na súa recuperación.

No caso das axudas dirixidas aos orfos e orfas, poderán recibir a contía sempre que na data do falecemento da súa nai sexan menores de idade e conviviran con ela (independentemente da renda familiar) ou no caso dos maiores de ata 30 anos, que dependan economicamente da nai e/ou do pai agresor. No caso das mulleres, a Xunta apoia as que resultan feridas gravemente, con lesións que requiran de hospitalización, como consecuencia dunha agresión de violencia de xénero.

En ambos os dous casos, para poder acceder á convocatoria de 2022, os feitos teñen que terse producido con posterioridade ao 1 de xullo de 2020.

A Xunta apoiou con esta iniciativa a un total de 16 persoas (7 orfos e 9 mulleres) desde o ano 2019, cando se publicou por primeira vez esta actuación, que forma parte do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero que a Comunidade desenvolve en Galicia para dar protección específica aos menores como parte do seu recoñecemento como vítimas directas e outorgar autonomía económica ás mulleres vítimas.

Imaxes relacionadas