A Xunta recibe 4 ofertas para desenvolver un sistema de optimización do consumo enerxético e garantir a calidade da auga vertida nas depuradoras, cun investimento de 2 M€

A solución probarase nas depuradoras de Baiona, Nigrán e Gondomar, co fin de cubrir o maior rango de procesos habituais destas instalacións de pequeno e mediano tamaño

Trátase de desenvolver un servizo de tratamento e análise avanzado de datos en tempo real para facilitar a toma de decisións na xestión das depuradoras e de implantar os principios da economía circular no ciclo da auga
O sistema enmárcase no proxecto Innovaugas 4.0, promovido pola Xunta para buscar solucións novidosas na xestión das augas, atendendo ao contexto do cambio climático

Innovaugas, que conta cun presuposto de preto de 7 M€, recibiu 162 propostas de empresas, centros tecnolóxicos e universidades
 

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2021

A Xunta recibiu un total de 4 ofertas para desenvolver un sistema para optimizar o consumo enerxético e garantir a calidade da auga vertida nas depuradoras, contrato licitado por máis de 2 millóns de euros.

Das catro ofertas presentadas, 3 delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 7 empresas.

Este contrato enmárcase no proxecto Innovaugas 4.0, unha iniciativa da Xunta para mellorar a xestión dos recursos hídricos galegos, a través dun modelo de economía circular nas depuradoras urbanas.

Trátase de desenvolver un servizo de tratamento e análise avanzado de datos en tempo real que facilite a toma de decisións nas estacións depuradoras de pequeno e mediano tamaño.

Este traballo ten un prazo de execución de 15 meses, que inclúe as fases de deseño da solución, desenvolvemento e integración, probas e validación e a certificación final.

O obxecto do contrato
O servizo ten como obxectivo garantir o cumprimento dos parámetros de calidade con respecto da auga vertida ao medio receptor, a optimización dos consumos enerxéticos de cada depuradora, así como a fiabilidade operativa das instalacións para que operen con eficiencia.
Impúlsase así un sistema de simulación avanzada nun entorno controlado, achegando recomendacións en tempo real a Augas de Galicia para tomar decisións sobre os distintos procesos de cada depuradora e implantar os principios do modelo de economía circular no ciclo integral da auga.

Deste xeito, a proposta definida será probada nas depuradoras de Baiona, Nigrán e Gondomar, co fin de cubrir o maior rango de procesos habituais destas instalacións de pequeno e mediano tamaño de Galicia.

Innovaugas 4.0
Innovaugas 4.0 é unha iniciativa promovida por Augas de Galicia para buscar solucións novidosas na xestión integrada avanzada das augas, optimizar os recursos hídricos e dar resposta ás demandas dos diferentes usos, atendendo ao contexto do cambio climático.

Innovaugas 4.0 recibiu o ano pasado a presentación de 162 propostas de empresas, centros tecnolóxicos e universidades de España e internacionais.

Este proxecto innovador conta cun presuposto de 7 millóns de euros e está cofinanciado nun 80% polo Fondos Europeos FEDER.

Ademais Innovaugas 4.0 foi seleccionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación na Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda e da Compra Pública Innovadora, dispoñendo dunha axuda de fondos europeos de 4,2 millóns de euros e tamén do cofinanciamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN), con 700.000 euros, e de Augas de Galicia, que achega 2,1 millóns de euros.