O Bono Cultura da Xunta anima as compras do Nadal con máis de 50.000 operacións a piques de rematar a campaña

O Goberno autonómico convida a seguir gozando ata o 31 de decembro de descontos do 50% nos máis de 560 negocios adheridos

Desde a súa posta en marcha, está contribuíndo a dinamizar a actividade durante todo o outono en establecementos como librarías, cines ou tendas de música
 

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2021

O Bono Cultura da Xunta está a dinamizar as compras neste Nadal, con máis de 50.000 operacións desde a súa posta en marcha. A campaña continúa ata o 31 de decembro, tempo no que o Goberno autonómico anima a seguir gozando dos descontos do 50% nos máis de 560 negocios culturais adheridos.

A iniciativa desenvólvese con éxito desde os primeiros días, despois de que todas as descargas dispoñibles se esgotasen nas primeiras 19 horas. Ademais, hai unhas semanas, a Xunta duplicou ata os 40.000€ o límite de vendas para os establecementos adheridos, xa que varios deles chegaron ao teito de compras bonificadas inicialmente previsto, que era de 20.000€.

Cultura á metade de prezo

A campaña da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para dinamizar o consumo este pode destinarse á compra de libros, música en CD ou vinilo, produtos audiovisuais como películas ou series en formato físico, videoxogos, entradas para salas de cine, concertos, espectáculos escénicos, museos...

Cada usuario rexistrado ten un bono por valor de 50€ e, en cada compra, obtén un desconto do 50%, que pode usar tantas veces como desexe ata esgotar o crédito dispoñible. Os establecementos poden consultarse en www.bonocultura.gal. Ademais, poden identificarse grazas ao selo distintivo e o material de promoción do que dispoñen.

 

Imaxes relacionadas