A Xunta impulsa unha nova edición do programa ReAcciona para apoiar a mellora competitiva de 670 proxectos de pemes galegas

Esta edición conta cun orzamento de máis de 3,2M€ para facilitar o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a profesionalización, a dixitalización ou a innovación

Desde a súa posta en marcha en 2012, o ReAcciona promoveu o desenvolvemento de máis de 2000 proxectos, mobilizando 10,5M€

Este programa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, complementouse este ano co ReAcciona covid-19, que suma novos servizos adecuados á situación económica xurdida da pandemia

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia vén de abrir unha nova edición do programa ReAcciona, que permitirá apoiar con máis de 3,2 millóns de euros a posta en marcha de ata 670 proxectos e, deste xeito, mellorar a competitividade das pemes galegas, facilitándolles o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos.

Este orzamento, que permitirá mobilizar máis de 4 millóns, desenvolverase ao longo do próximo ano a través de tres convocatorias: a primeira, aberta nestes momentos e cuxo período de solicitudes se prolongará ata o vindeiro 28 de xaneiro; unha segunda, que comezará o día 31 do vindeiro mes, podendo solicitarse servizos ata o 4 de marzo; e a terceira, que se iniciará o 7 de marzo prolongándose o prazo de solicitudes ata o 8 de abril.

O programa que impulsa a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), permitirá impulsar servizos en ámbitos como o da innovación, para axudar ás empresas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos. Ademais, tamén se levarán a cabo, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), proxectos no ámbito do desenvolvemento estratéxico, a profesionalización e a dixitalización, con servizos relativos á implantación dunha estratexia dixital da empresa, á ciberseguridade ou o marketing de contidos.

Entre os servizos máis demandados na anterior edición, situáronse os de mellora da xestión financeira e procura de financiamento, os de preparación para procesos certificables, ou os de análise do potencial competitivo, así como o servizo de asesoramento para o financiamento da innovación.
No eido da transformación dixital, as empresas solicitaron os servizos de definición dunha estratexia de ciberseguridade, ademais de solucións de xestión e mobilidade dixital e deseño dunha estratexia de marketing de contidos.

O programa da Xunta de Galicia facilitou desde a súa posta en marcha en 2012 o impulso de máis de 2000 proxectos que permitiron mellorar a competitividade de máis de 1300 empresas galegas, mobilizando 10,5 millóns de euros.

Así mesmo, e como complemento dos servizos prestados, este ano púxose en marcha tamén o programa ReAcciona covid-19, unha novidosa liña que busca cooperar co tecido empresarial galego na actual conxuntura económica, contribuíndo ao seu impulso e recuperación tras a pandemia.

Neste sentido, cun orzamento de 3,6 millóns, o ReAcciona covid-19 suma cinco novos servizos que atenden á situación económica xurdida da pandemia. As empresas galegas poden acceder a prestacións especializadas no relativo á adecuación dos estados financeiros, á transmisión ou adquisición de unidades produtivas, á análise de mercados internacionais, á elaboración de plans estratéxicos de internacionalización e á implantación de procesos acordes á economía circular.

Imaxes relacionadas