A conselleira de Política Social visitou hoxe aos maiores que participan desta iniciativa na residencia de tempo libre do Carballiño

Fabiola García sinala que o programa Xuntos polo Nadal permite manter o espírito do Nadal aos maiores que viven sos con todas as medidas de seguridade

Os participantes realizaron unha proba PCR antes da súa entrada ao centro e establecéronse dúas quendas para evitar aglomeracións

Na primeira quenda os participantes permanecerán na residencia do 22 de decembro ata o día 29 e na segunda estarán do 31 de decembro ata o 7 de xaneiro

O Carballiño (Ourense), 24 de decembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou hoxe aos maiores que participan do programa Xuntos polo Nadal na residencia de tempo libre do Carballiño onde sinalou que esta iniciativa permite manter o espírito do Nadal a todas aquelas persoas maiores que viven soas, “sempre desde o sentidiño e mantendo todas as medidas de seguridade”, explicou.

A conselleira destacou que a vacina permitiu recuperar o programa logo do parón do ano pasado. Lembrou que, mentres no pasado Nadal aínda non se iniciara o proceso de vacinación, este ano o 100% das persoas maiores xa contan coa terceira dose de reforzo. Por este motivo, o Goberno galego volveu abrir as residencias de tempo libre do Carballiño e Panxón a todas aquelas persoas maiores que por distintos motivos non teñen con quen pasar estas datas.

Ademais, concretou que todos os participantes realizaron unha PCR previa á súa entrada na residencia e establecéronse dúas quendas de participación para evitar aglomeracións. Así, nesta primeira quenda están a participar 60 maiores entre as dúas residencias que chegaron o 22 de decembro e permanecerán ata o día 29. Na segunda quenda participarán preto de 90 persoas que pasarán desde o 31 de decembro ata o 7 de xaneiro.

Como novidade, resaltou que o programa converteuse este ano en 100% gratuíto para todos os participantes. Así, as persoas maiores non terán que pagar nada pola estadía en pensión completa e a realización de ducias de actividades. Fabiola García resaltou que aínda que a pandemia está a cambiar as festas do Nadal, obrigando a reducir reunións e contactos, gracias a iniciativas como Xuntos polo Nadal “é posible seguir mantendo o espírito destas datas”.

Imaxes relacionadas