Lete Lasa destaca a capitalidade da pista de atletismo da USC e a súa capacidade para acoller probas internacionais

Hai un mes, o Consello da Xunta daba luz verde ao convenio de colaboración para a renovación e o acondicionamento da pista do Campus Vida por medio millón de euros segundo o que a Xunta achegará o 35% do orzamento global, a mesma contía que a Deputación da Coruña, e o Concello de Santiago o 30% restante

Santiago, 23 de decembro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe da presentación do convenio para a renovación e acondicionamento da pista do estadio de atletismo da USC. Lete Lasa destacou a historia dunha instalación que naceu nos anos cincuenta cunhas primeiras pistas de cinsa e de 333 metros de corda e que acolleu os primeiros partidos da SD Compostela, os adestramentos dos xogadores do CAB Obradoiro e a preparación de numerosos atletas baixo a supervisión de Mariano García Verdugo, que chegou a ser director de Deportes da Universidade de Santiago.
O secretario xeral destacou a capitalidade da pista de atletismo da USC como demostra que catro administracións diferentes asinen un convenio por importe de medio millón de euros para a renovación dunha infraestrutura deportiva. Hai un mes, o Consello da Xunta daba luz verde ao convenio de colaboración para a renovación e o acondicionamento da pista do Estadio de atletismo situada no Campus Vida, segundo o que a Xunta de Galicia achegará o 35% do orzamento global (173.516,99 euros), a mesma contía que a Deputación da Coruña, mentres que o Concello de Santiago sufragará o 30% restante (148.728,60 euros). A execución o e o remate das obras contratadas terá como data límite o 31 de marzo de 2022.
Na actualidade a pista de atletismo presenta un considerable deterioro na súa superficie, debido ao uso e ao tempo transcorrido dende a súa execución -o actual pavimento foi colocado en 1998- o que fai necesaria a renovación tanto do propio pavimento, así como a renovación dos elementos que compoñen a pista.
Lete Lasa asegurou que, con esta actuación, a pista de atletismo da USC chegará tan lonxe que poderá chegar “a todas as comunidades de España e mesmo a todos os países de Europa xa que a homologación IAAF Clase 2 que conseguirá a pista, permítelle acoller campionatos galegos, nacionais, así como probas internacionais de carácter básico sempre que se cumpran outros requisitos esixidos”.
Novo pavimento
A colocación dun novo pavimento centrará os traballos de actualización deste espazo da Universidade que consta dun anel de carreiras de 400 metros de corda e oito rúas. O tipo de obra que se proxecta tamén contempla o marcado e sinalización para a correspondente homologación federativa tal e como establece a Real Federación Española de Atletismo.
Cómpre salientar que a USC facilitará o uso gratuíto da instalación para todas aquelas competicións deportivas oficiais organizadas ou promovidas pola Secretaría Xeral para o Deporte, previa sinatura dun convenio de colaboración entre ambas institucións que regule os aspectos específicos destas actuacións. Ademais, comprométese a favorecer e facilitar a celebración de competicións deportivas de carácter oficial impulsadas polas distintas federacións deportivas de Galicia.
 

Imaxes relacionadas