A Xunta colabora coa comunidade de usuarios de Augas Parada e Rocha de Ponteareas na mellora e modernización do servizo

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou as instalacións nas que o Goberno galego investiu máis de 16.000 euros

A Xunta incrementará o ano que vén nun 20% o orzamento destinado ás asociacións de veciños e de mulleres rurais e ás comunidades de usuarios de augas de Galicia
 

Ponteareas (Pontevedra), 23 de decembro de 2021.- A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitou hoxe Ponteareas para comprobar as obras de mellora e modernización do servizo de augas levadas a cabo ao abeiro das axudas do Goberno galego á Comunidade de Usuarios de Augas Parada e Rocha.
Encadradas no obxectivo de obter augas con garantía sanitaria para a súa veciñanza e controlar o consumo dun ben escaso para a poboación, a Comunidade de Usuarios de Augas Parada e Rocha emprendeu obras para a eliminación de perdas de augas e para a mellora e modernización do servizo. Con esa finalidade instalouse un contador para un mellor control do caudal consumido, así como unha válvula motorizada que impide a entrada de auga cando o depósito está cheo. Tamén se colocou un sistema de comunicación eficiente que alerta a dispositivos móbiles de todas as incidencias e así poder actuar en tempo real ante calquera anomalía. Por último, mercouse maquinaria para que os propios comuneiros poidan facer as tarefas de limpeza e mantemento do sistema.
A Comunidade de Usuarios de Augas Parada e Rocha de Ponteareas contou cunha axuda de 16.189 euros da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Administración Local ao abeiro das subvencións habilitadas pola Xunta a tal fin.
O Concello de Ponteareas beneficiouse nos últimos anos de achegas por valor de preto de 500.000 euros no marco das axudas destinadas a mellorar as condicións de vida da veciñanza dos concellos galegos. Grazas a esas contribucións autonómicas, en Ponteareas leváronse a cabo obras de humanización de espazos públicos e melloras das infraestruturas municipais, así como actuacións no abastecemento e na eficiencia enerxética, remodelacións dos parques infantís, ampliacións das instalacións deportivas e diferentes intervencións medioambientais, entre outras iniciativas.
Ata 3 millóns de euros en axudas
A Xunta incrementará no 2022 ata nun 20% as axudas destinadas ás asociacións de veciños e mulleres rurais e ás comunidades de usuarios de augas de Galicia, ás que se destinarán 500.000 euros máis respecto dos 2,5 millóns da convocatoria deste ano. O investimento realizado pola Administración autonómica desde o ano 2016 acada os 15,9 millóns de euros, incluídos os 3 millóns previstos para a convocatoria do próximo exercicio.
O Goberno galego contribúe así a mellorar a calidade de vida local e a fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.
 

Imaxes relacionadas