A Xunta destina 11,2 M€ a un novo programa para garantir a primeira experiencia profesional a ata 520 menores de 30 anos nas administracións públicas

Feijóo salienta que este programa se insire no Plan Emprega Xuventude, que incorpora actuacións dirixidas a este sector da poboación cun orzamento de preto de 52 M€

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta destinará 11,2 millóns de euros a un novo programa para garantir a primeira experiencia profesional de ata 520 menores de 30 anos nas administracións públicas.

Este novo plan permitirá, segundo explicou Feijóo, sufragar os custos salariais e laborais das persoas que se incorporen ás Administracións cun contrato de 12 meses a xornada completa e con contías entre os 21.400 euros e os 32.000 euros en función da súa categoría profesional.

Este programa insírese no Plan Emprega Xuventude, que incorpora actuacións dirixidas a favorecer a empregabilidade neste sector da poboación cun orzamento de preto de 52 millóns de euros, dentro do que tamén se inclúe o Plan Investigo aprobado a semana pasada por 13,1 millóns de euros para contratar a ata 580 persoas mozas e potenciar as vocacións científicas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta