Lupe Gómez recolle o X Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro co que colabora a Xunta

Xurxo Alonso e Miriam Ferradáns, que acadaron o segundo e o terceiro posto respectivamente, tamén recibiron os seus galardóns

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na entrega de premios e na ofrenda floral ante a tumba do poeta mindoniense que da nome ao certame

Mondoñedo (Lugo), 23 de decembro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía na entrega dos premios aos gañadores do X Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración Xunta de Galicia. O galardón desta décima edición, na que participaron preto de 100 orixinais, foi para Lupe Gómez polo seu traballo Muiñeira da Pinguela. O mapa do pintor, de Xurxo Alonso, e Os amantes, de Miriam Ferradáns, conseguiron o segundo e o terceiro premio, respectivamente.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade quixo agradecer unha vez máis “á vila de Mondoñedo, berce de figuras das nosas letras como Álvaro Cunqueiro ou Leiras Pulpeiro, o seu compromiso continuo coa cultura e a lingua galegas a través de iniciativas coma esta, que leva unha década premiando e resaltando o xénero poético”. O secretario xeral tamén trasladou os “parabéns aos premiados” ao tempo que os alentou “a seguir facendo e desfrutando da poesía en galego”.

Participaron no acto, ademais do secretario xeral e os galardoados, María Ángeles Rodríguez, segunda tenente de alcalde e concelleira de Benestar e Facenda de Mondoñedo, e Armando Requeixo, crítico literario e membro do xurado. A entrega estivo precedido dunha recepción oficial no Cemiterio Vello e dunha ofrenda floral ante a tumba de Manuel Leiras Pulpeiro, poeta mindoniense do século XIX que lle dá nome ao certame.