A Xunta e Afundación presentan en Vigo a mostra “Galicia, a un paso de ti” que invita aos galegos a redescubrir a comunidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero, inauguraron a mostra que estará na cidade olívica ata o vindeiro 29 de xaneiro

A exposición, formada por máis de 200 imaxes do fotógrafo Adolfo Enríquez, fai un percorrido polo máis destacado das cidades galegas
 

Vigo, 23 de decembro de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero, presidiron na sede Afundación da cidade olívica a inauguración oficial da mostra Galicia, a un paso de ti, que fai un percorrido polo mellor das cidades galegas para invitar a redescubrir a comunidade.
A mostra, formada por máis de 200 imaxes do fotógrafo Adolfo Enríquez, e que estará a disposición do público ata o 29 de xaneiro, retrata a natureza e o patrimonio histórico de Galicia, converténdose nunha invitación aos galegos a redescubrir o seu territorio. Así o expresou a delegada territorial de Vigo, Marta Fernández-Tapias, quen destacou “a oportunidade que se nos brinda para recoñecer o extraordinario poder de atracción da nosa terra, única e privilexiada”.
A exposición de Turismo de Galicia xira arredor de tres piares fundamentais: natureza, patrimonio e Camiño de Santiago, coa escolla de doce instantáneas por cada un dos xeodestinos que compoñen o mapa turístico de Galicia. Esta diversidade permite descubrir imaxes da Galicia interior bañada por mil ríos, das súa praias e dos seus parques naturais, pero tamén do Camiño de Santiago e da zona histórica de Compostela, da Muralla de Lugo ou da Torre de Hércules, ademais da gastronomía, das festas ou os costumes conservados ao longo dos séculos, nunha simbiose perfecta de tradición e modernidade.
O autor
Adolfo Enríquez (Porto do Son, 1965) comezou coa fotografía aos 14 anos por casualidade, cando o seu pai levou á súa casa unha cámara Yashica Electro 35 que atopara abandonada. Desde entón, a fotografía forma parte da súa vida, convertido nun nomeado profesional cunha gran paixón: os escenarios naturais de Galicia. Unha devoción plasmada en guías e revistas de viaxes, exposicións en varios continentes e nos libros Cara a Santiago e Sinte Galicia.

 

Imaxes relacionadas