O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, respondeu a unha pregunta na Comisión 5ª sobre o uso das redes sociais en menores

A Xunta aposta por iniciativas transversais de concienciación para previr o mal uso de internet nos nenos e adolescentes

Desde o ámbito social ten en marcha o servizo Quérote+ que ofrece charlas e obradoiros sobre o uso responsable das novas tecnoloxías e impulsa unha guía coa Fundación Ingada dirixida a rapaces con TDAH

Desde o educativo recóllense diferentes iniciativas como o programa ‘Navega con rumbo polo ciberespazo’

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, subliñou a aposta da Xunta de Galicia por iniciativas transversais de concienciación e sensibilización para previr o uso problemático de internet da mocidade. Así o sinalou na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego nunha resposta sobre a afectación das novas tecnoloxías e as redes sociais nos menores.

Jacobo Rey destacou que o uso das novas tecnoloxías non é prexudicial en si mesmo, se non a súa dedicación un tempo elevado ou que estean expostos a condutas de risco. Para previr isto puxo en valor o papel clave da educación familiar, que é apoiada polas Administracións públicas desde diferentes ámbitos.

Deste xeito, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica explicou que desde a Consellería de Política Social actúase desde o servizo Quérote+, que presta atención á mocidade en diferentes eidos. Un deles céntrase no uso responsable das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC), no que axudan aos menores con obradoiros formativos e resolven consultas neste ámbito.

Ademais, Jacobo Rey resaltou a colaboración da Consellería con entidades como Unicef ou a Fundación Ingada para facer fronte a esta realidade. Con esta última o Executivo autonómico impulsa unha guía específica neste eido e que está dirixida a rapaces con trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH).

Ámbito educativo

Así mesmo, salientou que desde o ámbito educativo o Goberno galego desenvolve diferentes iniciativas como o programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo, posto en marcha desde hai varios anos e nos que cada curso participan 175 escolares.

Imaxes relacionadas