A Xunta convida aos ferroláns a coñecer as sete reservas de biosfera a través dunha mostra itinerante

A directora xeral de Patrimonio Natural, o delegado territorial da Xunta na Coruña, e o presidente da Autoridade Portuaria ferrolá inauguran a exposición organizada con motivo do 50 aniversario do programa MaB da Unesco, que estará en Ferrol ata o 26 de decembro

Ferrol, 23 de decembro de 2021

Ferrol acolle desde hoxe e ata o 26 de decembro a exposición itinerante sobre as sete reservas de biosfera de Galicia, unha mostra organizada pola Xunta para animar aos cidadáns a coñecer estes espazos, que destacan polos seus valores naturais e por ser un exemplo de convivencia entre homes e contorna.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, estivo esta mañá visitando os nove paneis que compoñen a exposición acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol, Francisco Barea, entidade que cedeu parte do seu espazo para acoller temporalmente a instalación.

Trátase dunha iniciativa impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración co Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida), para conmemorar o 50 aniversario da creación do programa sobre o Home e a Biosfera (MaB) da Unesco. Así, as imaxes e toda a información recollida na exposición trata de poñer o foco nos valores medioambientais, culturais e paisaxísticos que atesouran as sete reservas, así como na importancia de apostar polo desenvolvemento sostible para facilitar a actividade económica e social de quen habita estes espazos.

A capital galega é a quinta cidade que acolle esta iniciativa, que arrancou o pasado 1 de decembro en Lugo. Despois de Ferrol, a seguinte parada da mostra será A Coruña, onde permanecerá do 28 de decembro ao 2 de xaneiro, para pechar o seu percorrido en Pontevedra, no primeiro mes de 2022.

En total, as sete reservas de biosfera de Galicia suman 1,03 millóns de hectáreas terrestres, o que significa que máis dun terzo da Comunidade conta con este recoñecemento internacional. De feito, só Andalucía supera a Galicia neste sentido.

Co fin de seguir protexendo e conservando estes espazos, Belén do Campo lembrou que a Xunta destinará ao longo do vindeiro ano 6,4 millóns de euros ao impulso de actuacións para a posta en valor da riqueza natural das reservas de biosfera.

Imaxes relacionadas