Máis de 700 persoas asistiron este outono aos concertos do programa da Xunta 'Música en Salas'

Un total de 115 solistas e bandas galegas, que suman preto de 400 músicos, protagonizaron os 135 concertos deste ciclo nos 19 espazos participantes

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a asociación Clubtura colaboraron nesta iniciativa de dinamización do sector, que tamén xerou actividade para 40 empresas musicais coa implicación de medio cento de profesionais técnicos
 

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021.- O programa da Xunta de Galicia Música en salas congregou máis de 7000 persoas nos 135 concertos celebrados durante os últimos dous meses nos 19 espazos que se sumaron a esta iniciativa de dinamización do sector. O ciclo, enmarcado na programación do Xacobeo 21-22, foi levado a cabo pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo-Clubtura.
Ao abeiro de Música en salas, 115 solistas e grupos galegos, que suman 395 músicos, presentáronse desde o pasado 4 de novembro diante do público de 12 vilas e cidades. Os propios locais, todos eles de capacidade reducida, foron os encargadas de elaborar as súas respectivas programacións, a través das que amosaron a calidade e a variedade da escena musical galega actual: dende a canción de autor ata o rock, o punk e o trap, pasando polo jazz, o blues ou o swing, pero cun especial protagonismo das sonoridades vencelladas ás bases musicais tradicionais de Galicia.
Ademais de contribuír á recuperación tanto da actividade artística nas salas de música ao vivo como da confianza do público nos espectáculos públicos, este programa implicou tamén unha importante carga de traballo para empresas e equipos técnicos da industria musical, que se traduciu na contratación de 40 empresas e 52 profesionais para a produción destes concertos.

Tras a súa inauguración o 4 de novembro co grupo La Rue na sala coruñesa Garufa Club, Música en salas chegou á súa fin o pasado domingo coa sesión vermú que a Martins Aneiros Band ofreceu no Club Clavicembalo de Lugo. Participaron tamén outros 17 locais destas cidades e de Boiro, Ferrol, Laxe, Melide, Pontedeume, Santiago de Compostela, Vilar de Santos, Cambados, O Grove e Vigo.
 

Imaxes relacionadas