Alfonso Rueda recibe aos alumnos da 13ª promoción de policía local da Agasp nun tramo do Camiño de Santiago

O vicepresidente primeiro da Xunta animounos a que volvan a camiñar a Galicia no Xacobeo 21-22 e lembrou que este ano xa se selaron máis de 178.000 Compostelas

Apelou ao “sentidiño” para desfrutar dun Camiño Seguro, no que se implantaron tódalas medidas anticovid en rutas e albergues ademais de ofrecer aos peregrinos o seguro coronavirus

Os alumnos da 13ª promoción da AGASP rematan con este percorrido a súa formación teórica na Academia e realizarán no mes de xaneiro a parte práctica antes de incorporarse como funcionarios de carreira aos seus concellos

A Xunta xa traballa na seguinte convocatoria de oposicións unificadas para colaborar cos concellos galegos na selección das súas plantillas de Policía Local
 

Teo (A Coruña), 22 de decembro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu hoxe en Teo aos 98 alumnos da 13ª promoción da Policía Local da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e aos seus profesores que desde o pasado luns están a realizar o Camiño de Santiago. Alfonso Rueda animou aos alumnos a repetir a experiencia en 2022 que tamén é Xacobeo e indicou que cando cheguen a Santiago a selar a súa Compostela sumaranse aos 178.000 peregrinos que obtiveron a credencial este ano.
Así, lembrou que xa se superaron as expectativas previstas para este ano no que se contaba chegar ás 140.000 Compostelas, unha cifra que xa se acadou en setembro e se superou amplamente.
Os alumnos da 13ª promoción da AGASP rematan con esta peregrinación a súa formación teórica na Academia antes de volver aos seus 37 concellos de orixe para levar a cabo a parte práctica durante o mes de xaneiro antes de tomar posesión como funcionarios de carreira.
Alfonso Rueda explicou que, como fixeron os alumnos da AGASP esta semana, os peregrinos que camiñen a Galicia poderán desfrutar dun turismo tranquilo e en contacto coa natureza, precisamente o que máis están a demandar os viaxeiros poscovid. Nesta liña, incidiu en que facer o Camiño é unha oportunidade para desfrutar dos recursos turísticos da comunidade e practicar deporte.
Apelou ademais ao “sentidiño” para cumprir as normas sanitarias tamén no Camiño e aclarou que é completamente seguro grazas a tódalas medidas de prevención ante a covid-19 levadas a cabo nas infraestruturas e servizos dos concellos que atravesan as distintas rutas, ademais da implantación do seguro coronavirus para ofrecer un plus de tranquilidade a turistas e peregrinos.
O vicepresidente primeiro da Xunta sinalou ademais o importante labor que presta a AGASP na formación das novas promocións de Policía Local e na súa selección a través das oposicións unificadas a través do convenio asinado en 2017 coa FEGAMP para colaborar cos concellos galegos que dedican delegar no Goberno galego a selección e formación das súas plantillas de Policía Local. Así, unha vez rematada a formación desta promoción xa se está a traballar na seguinte convocatoria, coa previsión de que a primeira proba, para a que xa hai 850 persoas inscritas, se celebre a finais de xaneiro no recinto feiral de Silleda.
A AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar ás novas promocións de Policía Local ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que traballan na comunidade para garantir a seguridade dos galegos e galegas.
 

Imaxes relacionadas