A Xunta lamenta o rexeitamento no Senado a estender ata finais de 2023 as desgravacións do Xacobeo

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, recorda que o dobre Ano Santo é “o maior acontecemento turístico e cultural de España” e que precisa “compromisos claros”

Rueda dubida do apoio do Goberno central ao Xacobeo ao rexeitar na Cámara Alta unha emenda solicitando a ampliación das desgravacións fiscais

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou o rexeitamento no Senado a estender ao 31 de decembro do 2023 as desgravacións fiscais ao Xacobeo.

Alfonso Rueda recorda que o Xacobeo 21-22 é “o maior acontecemento turístico e tamén cultural que vai haber en España o ano que vén” e que, como xa quedou demostrado neste ano, é un dos motores da recuperación económica, polo que precisa “compromisos claros”.

Por ese motivo, e tendo en conta a ampliación do Ano Santo ao 2022, o Goberno galego solicitara a extensión ata finais do 2023 das desgravacións fiscais ao Xacobeo, que remataron en setembro deste ano. A proposta foi aprobada no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados, se ben o Goberno central non a tivo en conta na elaboración dos orzamentos do Estado.

Coa emenda presentada no Senado había unha oportunidade máis de acadar esta desgravación fiscal, que suporía un incentivo de apoio ao Xacobeo por parte da iniciativa privada, o que repercutiría no desenvolvemento de proxectos turísticos e culturais. Sen embargo, o rexeitamento á emenda dos partidos que sosteñen ao Goberno Central bota por terra esta solicitude.

Alfonso Rueda cre que é unha proba máis da escasa implicación do Goberno central co Xacobeo e lamenta que, pola contra, acontecementos como a capitalidade cultural de Barcelona obtiveran axudas por valor de 20 millóns de euros. O vicepresidente primeiro lamenta que por parte do Executivo se discrimine a Galicia nun ano fundamental para a súa recuperación económica e turística.