A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde, Ramón Tojo, o convenio para acometer as obras e arranxar as deficiencias do sistema de depuración

A Xunta e o Concello de Rois asinan por 915.000 € a colaboración para executar a nova depuradora de Urdilde, que se iniciará no segundo semestre de 2022

Vázquez Mourelle sinala que a obra, que a Xunta executará e financiará nun 80%, resolverá as carencias de funcionamento da actual depuradora, os problemas de acceso para realizar as operacións de mantemento e acurtará a distancia ata o punto de vertido

Executarase unha nova estación de tratamento de augas residuais en Urdilde, no lugar da Calle, que dará servizo aos núcleos da Calle e de Macedos

Rois (A Coruña), 22 de decembro de 2021.- A Xunta e o Concello de Rois asinan por 915.000 euros a colaboración para executar a nova depuradora de Urdilde, que se iniciará no segundo semestre de 2022.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, selou hoxe co alcalde de Rois, Ramón Tojo, o acordo para impulsar esta obra, á que a Xunta achegará o 80% do investimento, un máximo de 732.000 €, e o Concello achegará o 20% restante, destinando 183.000 €.

A Xunta tamén se compromete a contratar, dirixir e executar as obras. Pola súa banda, o Concello asume as xestións para posibilitar os traballos, a recepción, mantemento e conservación da infraestrutura unha vez realizada, durante un mínimo de 5 anos.

Unha vez formalizado hoxe o convenio, a Xunta solicitará a remisión da documentación municipal necesaria. O obxectivo, segundo subliñou Ethel Vázquez, é licitar as obras nos próximos meses e iniciar a execución dos traballos cara a finais do verán. Estas obras, que contan cun prazo de 8 meses, suporán un investimento próximo aos 860.000 euros.

A conselleira enmarcou esta actuación no interese da Xunta para que os servizos municipais da auga funcionen e se presten axeitadamente aos veciños.

En concreto, esta intervención responde á solicitude trasladada polo Concello para arranxar as deficiencias do sistema de depuración do núcleo urbano de Urdilde, con carencias no deficiente funcionamento da depuradora, na accesibilidade para poder realizar as operacións de mantemento e na distancia ata o punto de vertido, próximo ao rego dos Casteláns, a 350 metros.

En atención á demanda trasladada, realizouse un estudo de alternativas que, de acordo coa análise realizada por Augas de Galicia e de conformidade co propio Concello, determinou a construción dunha nova depuradora en Urdilde, localizada máis preto do punto de vertido.

Así, construirase unha nova estación de tratamento de augas residuais en Urdilde, no lugar da Calle, que dará servizo ao núcleo urbano da Calle e de Macedos. Unha vez en servizo, desmantelarase a depuradora actual.

A nova instalación disporá de sistema de depuración por biodiscos con arqueta de chegada; desbaste de dobre canle; pretratamento con tanque de dobre función -recepción e procesamento-, con zona de decantación e de dixestión; tratamento biolóxico e medida de caudal de auga tratada.

Executaranse, ademais, 580 metros de colectores, desde a depuradora actual ata a arqueta de entrada á nova depuradora, e desde a arqueta de saída ata o punto de vertido. Tamén se acondicionará o acceso á nova infraestrutura, dispoñendo solo cemento.

Ethel Vázquez precisou que esta colaboración entre a Xunta e o Concello permitirá mellorar o sistema de saneamento do municipio e cumprir os obxectivos de vertedura ao medio.

Remarcou que a nova depuradora de Urdilde non só terá capacidade para tratar as augas de 546 habitantes equivalentes do núcleo urbano da Calle e de Macedos, senón que estará dimensionada para a conexión futura de toda a parroquia á rede de saneamento, proporcionando tratamento a todas as augas residuais xeradas na área. Trátase dunha actuación financiada no marco do eixe REACT EU do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

Apoio aos concellos

A conselleira enmarcou este acordo no traballo que vén realizando a Xunta, tanto técnico como económico, para apoiar aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento, abastecemento e depuración, e garantir así a prestación de mellores servizos do ciclo da auga aos veciños.

Apuntou que este apoio da Xunta baséase no coñecemento das dificultades de moitos concellos, que se ven sobrepasados e teñen dificultades para exercer de modo adecuado, de xeito profesional, estas responsabilidades municipais da auga. Tamén se referiu ás consecuencias negativas que un mal funcionamento destes servizos supoñen para a calidade das augas dos ríos e rías e os prexuízos que implican para o medio, para a saúde pública, a pesca, o marisqueo ou o turismo.

Finalmente, Ethel Vázquez fixo fincapé no obxectivo da Xunta de intensificar o apoio aos concellos, a través da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que permitirá xestionar os servizos da auga de xeito profesionalizado naqueles municipios que así o soliciten de xeito voluntario.

Imaxes relacionadas